Unha galleta a cambio dun adorno de Nadal, a iniciativa que anima a Rúa Don Gonzalo
O deste mércores non foi un día calquera en La Artesa. Como cada ano, desde hai cinco, os seus clientes regaláronlles adornos do Nadal. Fixérono a cambio dunha das súas suculentas galletas decoradas. Un intercambio co que buscan crear comunidade.
Desde primeira hora da mañá, a este establecemento de repostería creativa chegaron novos adornos de cor vermella e branco, elaborados en madeira ou produtos ecolóxicos, que forman xa parte do "mural da fama", a colección que atesouraron estes anos.
"Foi idea da miña irmá", explica Lidia Fariña. Pensou na forma de "ter un agarimo" cos clientes que acoden todos os días á súa tenda. "É un local pequeno e temos un ambiente moi familiar. Sabemos ata o café que toman", subliña a súa propietaria.
Foi así como xurdiu a iniciativa de animar aos clientes para regarlles adornos do Nadal. "Ao principio pensei que sería un caos", recoñece esta moza emprendedora, pero agora non se arrepinte. "É algo diferente e sácanche un sorriso", asegura.
O primeiro ano o éxito desta campaña colleulle por sorpresa. "Fixemos 40 galletas e ao mediodía tivemos que facer máis", lembra Lidia. "É moi bonito porque a xente cúrrao moitísimo", engade. Tanto nenos como maiores regresan ano tras ano para conseguir a súa prezada galleta.
Esta tradición "dános vidilla", afirma a responsable de La Artesa, demostrando que o nadal "é algo máis que o que nos venden na tele" e que conta cuns clientes moi fieis "cos que pasamos moito tempo e que, cando che traen un adorno, sabes que pensaron en ti".
"Eles pasan días buscando cousas e ti tes que facer algo para corresponderlles", sinala esta moza reposteira que xa no verán pensou en como serían as galletas deste ano. Atopou un cortante de galleta en forma de crebanoces "e tíveno moi claro".
Lidia alégrase que este tipo de iniciativas contribúan a manter o contacto entre a comunidade que se formou ao redor do seu local "e podamos saír da rutina traballo-casa que temos todos coma se fósemos máquinas".
Apunta, iso si, que "non nos esperabamos que á xente lle fixese tanta graza facer estas monerías e que nos ían a seguir o xogo como o fixeron", demostrando o seu agarimo mutuo.