A ponte da Barca recupera o dobre sentido ao restablecerse a circulación cara Poio
Por Alejandro Espiño
Tras case dous meses a Ponte da Barca recuperou o dobre sentido de circulación. A primeira hora desta mañá retiráronse os sinais e valos que impedían que os vehículos procedentes de Pontevedra puidesen cruzala en dirección a Poio. A apertura chega despois de que Acuaes, que executaba os traballos para o novo abastecemento de auga na zona, dese por concluído o groso das obras previstas.
Coa volta á normalidade na ponte tamén entraron en vigor a nova configuración da circulación nas rúas próximas á ponte: Alameda, Echegaray e Alfonso XIII. As dúas primeiras estrearon a súa nova condición de tráfico restrinxido para servizos e residentes, algo que reforza a nova fisonomía da rúa Echegaray, cos 15 minutos de aparcamento máximo permitido.
Igualmente consolídase o sentido actual da rúa Alfonso XIII en dirección cara á praza de Concepción Arenal. Nesta última rúa é onde, trala entrada en vigor dos novos cambios, detectouse certa disfunción ao facer caso omiso os condutores da nova sinalización e acceder a ela desde Concepción Arenal en dirección á ponte da Barca.
En canto ás medidas de tráfico que afectan exclusivamente ao Concello de Poio, Acuaes solicitou manter un par de días máis o sentido único de circulación na subida cara á Caeira para dar os últimos retoques aos traballos na rede de abastecemento de auga. En concreto, as rúas Pernas Peña e Mato Calderón seguirán únicamente de subida ata o vindeiro martes ou mércores, segundo o goberno municipal.
Acuaes seguirá realizando pequenas intervencións na Barca ata o próximo día 20, pero aseguran que non afectarán á circulación rodada. Tralo paréntese do Nadal, a sociedade estatal retomará os traballos o 7 de xaneiro. As obras trasladaranse entón á avenida Domingo Fontán, na PO-531.
Relacionadas:
-
Adxudicadas por 5,9 millóns as obras do abastecemento da marxe esquerda da Ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
A PO-308 presenta un estado calamitoso entre A Barca e Andurique
Por Oskar Viéitez |
-
Acuaes finaliza as obras na Barca e iniciará o 7 de xaneiro os traballos en Domingo Fontán
Por Redacción |
-
Este sábado reabrirase ao tráfico a ponte da Barca
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada