Axentes da Policía Local de Poio deteñen un home tras entrar armado e disparar no Cash Froiz da Barca sen causar feridos
Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un suceso sorprendente producíase ao redor das 14.50 horas deste mércores 7 de decembro no supermercado Cash Froiz situado na rotonda da Barca en Poio.
O establecemento atopábase aberto ao público coa presenza de clientes e traballadores no interior. Nese momento, un home, de 48 anos, veciño do Vao en Poio, entraba no recinto armado cunha escopeta e comezou a disparar ao teito e aos andeis. Clientes e persoal do Cash Froiz escondíanse alertando á Policía Local de Poio, que inmediatamente trasladaba ás súas patrullas ata a zona.
Os axentes entraban no local e lograban deter o home ao que interviñan a arma de lume da marca Franchi, localizando ademais ata tres cartuchos esparexidos polo chan do supermercado e cinco cartuchos máis preparados para usar que portaba o autor dos disparos.
Segundo a información da Policía Local de Poio, na inspección ocular do lugar, os axentes comprobaron os danos que se produciron polos disparos nos andeis que se atopaban atravesadas polos cartuchos.
O asaltante foi detido como presunto autor dun delito de danos e ameazas graves con intimidación, empregando un arma de fogo. Segundo as mesmas fontes policiais e da Garda Civil, ningunha das persoas que permanecían no local resultaba ferida.
Testemuñas presenciais mostraron a PontevedraViva a súa sorpresa e o seu temor ante este suceso e relatan que o home era coñecido na zona e mesmo varias persoas tentaron acougalo mentres disparaba.
Os axentes comprobaron que o detido contaba con permiso de armas e constataron que posuía tamén unha carabina. Debido á gravidade do sucedido procederon á intervención desta segunda arma, que gardaba no seu domicilio.
O detido manifestou que só pretendía con esta acción que o detivesen. Este xoves pasou a disposición xudicial no Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, en funcións de garda. Segundo fontes xudiciais do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao non haber solicitude de prisión, o home quedou en liberdade e será investigado por un delito de ameazas. Acordouse a incautación das armas que tiña en posesión e retiróuselle o permiso de armas.