Temen que o trazado da A-57 provoque a desaparición dun fungo novo para a ciencia, atopado en Bora
Por Redacción
O presidente da Asociación Micolóxica Brincabois, Jaime B. Blanco-Dios, alerta da presenza de Lentinellus pontevedrensis, un fungo que se localizou sobre poliñas de carballo (Quercus rober) no lugar da Cadosa, na parroquia pontevedresa de Bora.
Este microorganismo atópase nun bosque situado nun dos trazados propostos para a construción do segundo tramo da vía A-57 (A Ermida.- Pilarteiros). Segundo o experto, as singulares características microscópicas de Lentinellus pontevedrensis sepárana con claridade doutras especies próximas e de aí a súa singularidade.
O bosque alberga outras especies fúnxicas cunha reducida área de distribución mundial como son: Buchbaldoboletus pontevedrensis, Leucocoprinus castroi e Tricholoma gallaecicum, ademais de Cantharellus melanoxeros, especie incluída na listaxe das 33 especies máis ameazadas de Europa, segundo relata o experto nestas especies.
Lentinellus pontevedrensis aparecerá recollida como especie nova para a ciencia durante o ano 2023 nunha revista internacional especializada, indica Jaime B. Blanco-Dios, que mostra a súa preocupación porque poida desaparecer coa construción dese segundo tramo da A-57.