Vilaboa e Portas, entre os Concellos que instalarán caldeiras de biomasa a través da Deputación
Por Redacción
O goberno da Deputación de Pontevedra aprobou os proxectos para renovar as instalacións de uso térmico en infraestruturas municipais de seis Concellos, entre os que se atopan Portas e Vilaboa, ademais de Cangas, Redondela, Tomiño e A Cañiza.
O proxecto contempla a substitución do sistema actual por caldeiras de biomasa para reducir a demanda enerxética, o consumo e as emisións de residuos de carbono.
Carmela Silva, presidenta da Deputación, destaca a "gran relevancia" destes cambios para actuar ante as emerxencias climáticas e enerxéticas nestes tempos. O orzamento total ascende a 454.546 euros, dos que 387.900 fináncianse polo Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía, cun 80%.
Unha vez aprobados, a institución provincial procederá a licitar a contratación de empresas que se encargarán de efectuar o cambio ao sistema térmico de biomasa.
Portas recibirá 111.000 euros da institución provincial para ofrecer este sistema enerxético no albergue, o campo de fútbol e o pavillón municipal.
Pola súa banda, Vilaboa contará con 37.172 euros para montar a instalación no edificio da Casa do concello.