Aprobado un investimento de 770.000 euros para mellorar dúas estradas provinciais en Vilanova e O Grove
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación vén de adxudicar dúas novas obras en estradas provinciais nos concellos do Grove e Vilanova ao abeiro do seu modelo de mobilidade amable "que permite gañar espazo para as persoas", como destacou a presidenta Carmela Silva, e nas que investirá un orzamento total de 769.117 euros.
En concreto, contrátanse as obras de mellora da seguridade viaria na EP-9101 O Grove-Igrexa de San Vicente, por 511.779 euros, e os traballos de mellora da mobilidade peonil na EP-9702 As Sinas-Vilanova, cun presuposto de 257.338 euros. En ambos casos, a Deputación financiará ao 100% as obras, xa que a aportación municipal para estes traballos correspondente por convenio será sufragada con fondos do Plan Concellos 2022-23.
No Grove, as obras na EP9101, que teñen un prazo de execución de seis meses, levaranse a cabo nun treito de 1.500 metros, onde se creará unha senda peonil de 2,50 metros de ancho mínimo para garantir a accesibilidade. Ademais colocarase un bordo de separación entre a beiravía e a nova senda peonil.
Por outra banda, na EP9702 en Vilanova a actuación central, cun prazo de catro meses, consiste na construción dunha senda peonil na marxe dereita da estrada de 810 metros, dende a zona recreativa das Sinas ata o aparcadoiro da praia. Terá unha anchura mínima de 2,5 metros e permitirá garantir as condicións de seguridade das persoas que transitan pola zona de acceso á praia.