Detido en Pontevedra o xefe dunha organización de sicarios en Colombia
Por Oskar Viéitez
A Policía Nacional detivo en Pontevedra un dos fuxitivos máis buscados de Colombia. Trátase de Johni Fernando Tenorio Millán, alias 'mi yuca'.
Tiña unha orde de procura internacional de detención e entrega en vigor ditada polas autoridades deste país desde o ano 2007 en relación a varios delitos graves, entre eles homicidio e posterior tortura dunha persoa.
O seu país ofrecía unha recompensa de 10 millóns de pesos colombianos pola captura deste individuo, que ademais era o xefe dunha organización de sicarios en Colombia.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra, o arresto produciuse este pasado venres nesta capital "grazas ás informacións obtidas" por axentes deste corpo, nas que se constataba que había un individuo utilizando documentación española cunha identidade falsa.
A Brigada Provincial de Xudicial iniciou as investigacións e tras contactar con INTERPOL España confirmaron a reclamación internacional para a súa extradición procedendo os axentes á súa detención o pasado 2 de decembro e traslado aos xulgados centrais da Audiencia Nacional que decretaron o seu ingreso en prisión para a extradición.
Segundo consta na Orde Europea de Detención e Entrega o arrestado é "altamente perigoso" e ten pendente cumprir un total de 40 anos en prisión polos numerosos delitos cometidos en Colombia.
Relacionadas:
-
Denegan a extradición a Colombia do xefe dunha organización de sicarios que se ocultou durante anos en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Consulado itinerante de Colombia chega á Boa Vila para facilitar trámites aos seus concidadáns
Por Redacción |
-
Detido en Pontevedra un fuxitivo buscado por asaltar e reter a unha veciña
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Nacional activa en Pontevedra o plan ‘comercio seguro’ para previr roubos e estafas en Nadal
Por Redacción |