A borrasca Efraín chega ás Rías Baixas con refachos de vento de ata 80 quilómetros por hora
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia segunda da Xunta de Galicia activou para este luns 12 de decembro unha alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo, mentres que na provincia de Pontevedra vai manterse a alerta amarela por precipitacións acumuladas e ventos con refachos de ata 80 quilómetros por hora.
A causa desta situación é a presenza da borrasca Efraín, que se segue achegando á península, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).
As chuvias provocaron asolagamentos en Cuntis e Vilagarcía de Arousa, entre outros municipios das Rías Baixas.
Durante toda esta xornada do luns, Galicia vai permanecer baixo a influencia das baixas presións co paso da fronte activa asociada a unha borrasca situada ao noroeste do territorio. Os ceos seguirán cubertos, con chuvias xeralizadas, máis intensas durante a mañá nas Rías Baixas. A partir do mediodía agárdanse chuvascos. As temperaturas ascenderán de forma notable situándose entre os 11 e os 16 graos co vento soprando forte do suroeste, segundo as predicións do servizo de Meteogalicia.
Durante o martes 13, Galicia continuará baixo o dominio das baixas presións. O ceo permanecerá parcialmente anubrado e as precipitacións serán xeralizadas. As temperaturas moveranse entre os 13 e os 16 graos con vento do suroeste.
Xa o mércores, unha nova borrasca instalarase entre Galicia e Irlanda. O ceo quedará máis cuberto na franxa atlántica e as chuvias serán máis intensas nesta zona. As temperaturas van manterse entre os 12 e os 15 graos con vento soprando forte do suroeste.
O xoves, Galicia continuará igualmente afectada polas borrascas coa posibilidade de que, despois do venres, as Rías Baixas queden nunha situación intermedia entre altas e baixas presións e menor probabilidade de precipitacións. Agárdase tamén un descenso de temperaturas.