Acordoan a Rúa das Leitugas ante o risco de caída dunha medianeira
Por Alejandro Espiño
Dous meses despois volveu a pasar. A medianeira dun edificio na Rúa das Leitugas, no ámbito de 12 de Novembro, ameaza con desprenderse polos efectos do temporal. Os servizos de emerxencia xa acordoaron a zona para evitar situacións de perigo.
Os fortes refachos de vento que acompañan á borrasca Efraín, que está a azoutar este luns as Rías Baixas, provocaron que o material que dá forma a esta medianeira despegárase da súa ancoraxe e algunhas das súas partes caeran sobre a rúa.
A edil de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, explicou que a estrutura está a sufrir debido ao vento o que se coñece como "efecto vela", polo que os Bombeiros de Pontevedra tiveron que revisar toda a medianeira e retirar parte dela.
As autoridades optaron por cortar ao tráfico a Rúa das Leitugas e a rúa Joaquín Costa, entre a Travesía da Eiriña e 12 de Novembro. A circulación foi derivada por Poza dos Canos, segundo informou a responsable municipal de emerxencias.
Ademais, habilitouse un acceso dun metro para que os residentes do edificio poidan entrar ou saír do inmoble e clausurouse o garaxe por seguridade.
Esta medianeira, que ten una configuración dobre, xa se viu afectada por un temporal ocorrido o pasado mes de outubro. Xa entón, o Concello deu instrución de revisar a estrutura e retirar as partes danadas ou con risco de sufrir un incidente similar.
Agora, segundo detallou Vilaverde, os técnicos municipais estudarán o sucedido este luns e non se descarta que se chegue a abrir un expediente sancionador por non corrixir os defectos estruturais desta medianeira.
Este foi o único incidente destacable que a borrasca Efraín deixou ao seu paso por Pontevedra, máis aló dunha árbore que caeu cara á AP-9 en Alba, colectores desprazados polo vento ou pequenas balsas de auga en Juan Bautista Andrade.
Relacionadas:
-
Os novos paneis informativos darán datos sobre os aparcamentos disuasorios durante a campaña de Nadal
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Atasco en Joaquín Costa e anuncio de peche da Avenida de Vigo
Por Redacción |
-
Os efectos da choiva obrigan a pechar Fototiendas, que chegou a ter un río pola parede interior
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Inundación de varias rúas e estradas en Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |
-
A borrasca Efraín chega ás Rías Baixas con refachos de vento de ata 80 quilómetros por hora
Por Redacción |