Suárez Costa, preocupado polas 156.000 toneladas de pasta de papel que se deixaron de exportar este ano
Por Oskar Viéitez
O presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa expresou a súa preocupación pola situación da fábrica de Ence en Lourizán.
"Neste momento xa hai 156.000 toneladas de pasta de papel que se deixaron de exportar este ano desde o porto como consecuencia do peche por seca destes meses", dixo Suárez Costa.
Para o presidente da Autoridade Portuaria esta caída no tráfico do Porto de Marín "serviría como exemplo do que pode ocorrer nun futuro a longo prazo se a fábrica pechase ou trasladase a súa produción a outro municipio".
O presidente asegurou que "as consecuencias serían devastadoras non só para o porto senón para moitas empresas auxiliares, autónomos e traballadores".
Con todo, o Porto de Marín confirma ata novembro a súa tendencia alcista con respecto ao ano anterior e mantén un crecemento acumulado do 3,4% a falta dun mes para que finalice o exercicio, segundo o balance ofrecido este xoves por Suárez Costa ao Consello de Administración do movemento de mercadorías nos once primeiros meses do ano que roza xa os dous millóns de toneladas, co que 2022 finalizará superando esta cifra tal e como se marcou a entidade nos seus obxectivos.
Por grupos de mercadorías, entre xaneiro e novembro destaca o incremento dos graneis sólidos, cun crecemento superior ao 23% e moi preto de rexistrar un millón de toneladas descargadas. A iso contribuíron, ademais das descargas de cereais, fariñas, pensos e forraxes, o crecemento do capítulo de madeiras e cortiza.
O outro gran capítulo que rexistra incremento a falta dun mes para pechar o exercicio é o da mercadoría en contedor, que sobe un 5,72% superando o medio millón de toneladas e aumentando o volume en mercadorías como aparellos, ferramentas e maquinaria, material de construción, pesca conxelada ou produtos siderometalúrgicos, entre outros.
O porto segue ademais experimentando un crecemento da pesca fresca, que se sitúa nun 13,6% por encima das cifras do ano pasado.
O apartado que máis preocupa, segundo explicou o presidente da Autoridade Portuaria aos conselleiros é o da mercadoría xeral convencional (a que non vai contenerizada), xa que rexistra unha baixada importante como consecuencia da parada temporal de produción que experimentou a fábrica de Ence.
Relacionadas:
-
O porto de Marín mantivo en 2022 o tráfico de mercadorías por encima dos dous millóns de toneladas a pesar do parón de ENCE
Por Redacción |
-
Anuncian concentracións en ENCE ante o despedimento "por represión sindical" dun traballador da contrata APPLUS+
Por Anxo Lourido |
-
Ence inicia en Navia a produción de Naturcell, celulosa que só se estaba a subministrar desde a fábrica de Lourizán
Por Anxo Lourido |
-
ENCE, ao 50% de produción en Pontevedra, agarda retomar a normalidade en dez días
Por Alejandro Espiño |
-
Unai Sordo reclama ao Goberno "que se moje" e deixe de "ponerse de perfil" con ENCE
Por Alejandro Espiño |