San Marcos empezará a construír o novo tanatorio de Vilaboa nun "horizonte inmediato"
Por Diego Espiño
Vilaboa terá por fin, dentro duns meses, servizo de tanatorio, tras desbloquearse os últimos trámites do concurso público para a construción das instalacións.
Será a empresa Funeraria San Marcos a que construirá as instalacións, en terreos cedidos pola Comunidade de Montes San Martiño de Vilaboa. Así se anunciou este venres no Concello nun acto no que se presentou o proxecto para o tanatorio.
"Por fin podemos falar de que é un proxecto que vai a ser realidade. Estamos aquí para anunciar que nos próximos días van a presentar dende San Marcos a solicitude de licenza para poder comezar coas obras. Por fin Vilaboa vai contar co seu tanatorio", defendeu o alcalde, César Poza.
Xunto a el, entre outros, atopábase o presidente da comunidade de Montes e o responsable de San Marcos, Juan Perdiz, que asegurou que se trata de "unha data moi importante para o Concello de Vilaboa" defendendo que se habilitarán unhas instalacións "para os veciños".
Tamén José Luis López, presidente dos comuneiros, recoñeceu a súa alegría por poder sacar adiante o proxecto despois de "moitos anos detrás de conseguir os terreos para poder facer o tanatorio".
En canto ás instalacións segundo defendeu o arquitecto responsable, ÁNgel Alonso, "é un tanatorio con dúas salas e outra máis para actos de despedida, cunha pequena cafetería, dúas oficinas para atención ás familias e depois toda a zona de servizos e almacéns. Segue a liña que está desenvolvendo San Marcos, con idea de espazos abertos, moita iluminación, e leva un parque axardiñado para meter a natureza dentro do edificio e que non sexa un espazo escuro".
En canto ás obras de construción, o seu inicio conta cun "horizonte inmediato", confirmou o xerente de Funeraria San Marcos.