A Audiencia de Pontevedra rebaixa as penas a dous condenados por delitos sexuais ao aplicar a lei do "só si é si"
Por Oskar Viéitez
Dúas seccións da Audiencia Provincial de Pontevedra emitiron este venres dous autos nos que acordaron rebaixar as penas, no marco da execución das sentenzas, a dous condenados por delitos sexuais, os cales solicitaron a revisión como consecuencia da entrada en vigor da Lei Orgánica 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual , coñecida popularmente como lei do "só si é si".
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra rebaixou nun ano -de oito a sete- a pena de prisión imposta en xullo de 2011 a un condenado por violar á súa esposa en 2008.
O tribunal explica no auto que tanto a Constitución como o Código penal "autorizan a revisión de penas dunha maneira xeral cando a nova lei é máis beneficiosa para o reo, como asegura que sucede neste caso".
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra tamén rebaixou -de seis a catro anos de cárcere- a condena imposta a un autor dun delito de agresión sexual.
Os maxistrados indican na resolución que o Código penal aplicado na sentenza "contemplaba a pena para o delito de agresión sexual de 6 anos a 12 anos, impoñéndose ao condenado a pena mínima prevista no tipo penal".
Coa entrada en vigor da Lei 10/2022, segundo indica a Audiencia, a pena mínima coa que o lexislador castiga o delito previsto e penado nos artigos 178 e 179 do Código penal "non é de 6 anos, senón que pasou a ser de 4 anos, razón pola que resulta máis favorable para o reo".
A sala incide en que o penado "ten dereito a que se lle aplique a norma máis beneficiosa, aínda que sexa posterior ao momento de ditarse a sentenza que o condenou". Ademais, ordena no auto que se practique a nova liquidación de condena, conforme os novos termos.
Relacionadas:
-
O PP reclama en Marín a corrección da Lei do 'só si é si' e o cesamento da ministra de Igualdade
Por Oskar Viéitez |
-
Un ano menos de cárcere para un home que abusou dunha nena de 12 años, filla da súa parella
Por Redacción |
-
O TSXG confirma a condena de 24 anos de cárcere imposta a un pai que violou á súa filla desde que tiña 5 anos
Por Oskar Viéitez |
-
Rexeitan rebaixar a condena ao fundador dos 'Miguelianos' porque sería desfavorable ao reo
Por Oskar Viéitez |
-
A Audiencia de Pontevedra rebaixa unha condena a un abusador pola lei do ‘só si é si’
Por Oskar Viéitez |