Presentado o proxecto da nova depuradora de Barro, que custará máis de 2,6 millóns de euros
Por Redacción
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras e Servizos, Iván Bello Ferreiro, deron a coñecer este martes o proxecto de construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) que se construirá no lugar do Carballal.
Segundo explicaron o proxecto da EDAR está orzado en 2.665.915,96 euros, cona capacidade unha vez construída para tratar os residuos de 3.000 persoas. Este volume poderá ademais ser ampliado ata as 4.500 persoas cando sexa necesario.
A instalación construirase nunha parcela de 7.6669 metros cadrados no lugar do Carballal, que foi adquirida no seu momento por 53.000 euros.
Cabe lembrar que actualmente en Barro só dispoñen destes servizos as vivendas do núcleo do Santo Antoniño e algúns lugares das parroquias da Portela e Curro, pois as depuradoras existentes xa non poden soportar o enganche de máis vivendas.
Cos trámites administrativos xa adiantados, o Concello de Barro avanza que buscará agora financiamento por parte doutras administracións para que a EDAR poida ser unha realidade na maior brevidade posible.
O alcalde de Barro sinalou a este respecto a súa confianza en que outras administracións "mostren toda a súa colaboración para que as veciñas e veciños de Barro conten con este equipamento tan necesario canto antes, e para o que nós xa fomos dando os pasos correspondentes".