O 'gastromercado', nun momento de "paz absoluta" mentres segue en estudo un expediente por enfrontamentos
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra ten "en estudo" unha serie de incidentes ocorridos na primeira planta do mercado de Pontevedra, no coñecido como 'gastromercado', durante o pasado verán.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, explicou a PontevedraViva que se está analizando todo o ocorrido antes de tomar unha decisión sobre a apertura dun posible expediente disciplinario por incumprimento da normativa que regula o funcionamento do mercado de abastos. Agora viuse "parado" polas datas de Nadal.
En todo caso, segundo explicou, están "a medir ben o que hai que facer". O Concello xa recibiu informes emitidos polas policías Local e Nacional sobre o ocorrido, pero non se tomou unha decisión sobre a apertura dese expediente, senón que dependerá do contido deses informes.
Mentres estes incidentes seguen "en estudo", Yoya Blanco quixo resaltar que o 'gastromercado' está "nunha tempada de paz absoluta" na que todos os postos do espazo gastronómico "están a colaborar".
De feito, durante estas datas de Nadal, todos colaboran en organizar viños "en conxunto" para numerosas empresas e institucións que este ano elixiron este espazo gastronómico para organizar as súas celebracións.
A agrupación socialista de Pontevedra, por exemplo, organizou o seu petisco de Nadal neste espazo e Yoya Blanco asegura que "se respiraba unha auténtica paz e cordialidade" que "é de agradecer e tería que ser o normal".
VERÁN COMPLICADO
O momento máis complicado do verán no 'gastromercado' ocorreu o 18 de agosto. Dous enfrontamentos orixinados entre catro persoas diferentes, das que polo menos tres teñen postos no 'gastromercado' e a cuarta ten relación cun deles, requiriron a intervención de axentes das policías Local e Nacional de Pontevedra.
Os policías mediaron primeiro nun enfrontamento por uns carteis publicitarios, fóronse e, cando os policías aínda estaban nas inmediacións, tiveron coñecemento dun segundo incidente. O fillo dunha das partes implicadas na pelexa anterior presentouse no mercado moi agresivo e rompeu a tapa de plástico dunha boca de incendios.
Dous desas catro persoas implicadas no enfrontamento do xoves protagonizaran un enfrontamento previo, un suposto roubo rexistrado o 29 de xullo.
Unha muller cun posto na planta superior do mercado acudiu á Comisaría Provincial da Policía Nacional para denunciar un roubo do cartel que anuncia o local.
Esta muller acudiu á persoa que se encarga de administrar a praza de abastos e, tras realizar un visionado das gravacións das cámaras de seguridade das instalacións, comprobaron que o responsable doutro negocio da planta superior roubáralle o cartel. Nun primeiro momento, negou coller nada. Cando lle dixeron que a súa imaxe aparecía nas cámaras de seguridade, devolveu o cartel.
Esta hostaleira relatou na súa denuncia ante a Policía Nacional que previamente, entre o 21 e o 22 de xullo, xa tivera un incidente con ese outro hostaleiro, que supostamente lle proferiu ameazas. Confirmou tamén a mala relación que mantén ese home con ela e con outras persoas con negocios no mercado. O fillo deste hostaleiro danou en agosto a tapa de plástico dunha boca de incendios.
Relacionadas:
-
O Carlos Oroza, un novo paso para "revivir" o gastromercado da praza de abastos
Por Alejandro Espiño |
-
O PP comparte "ao 100%" a necesaria revitalización do mercado, aínda que cre que "chega tarde": "deixárono morrer"
Por Natalia Puga |
-
Os postos baleiros do 'gastromercado' sairán a licitación "en breve"
Por Natalia Puga |
-
Os incidentes no 'gastromercado' deste verán, pendentes da análise de informes policiais
Por Redacción |
-
Os incidentes no 'gastromercado', segunda entrega dunha denuncia previa e de mala relación entre hostaleiros
Por Natalia Puga |
-
Intervención policial por dous incidentes entre hostaleiros do 'gastromercado'
Por Natalia Puga |