Anuncian concentracións en ENCE ante o despedimento "por represión sindical" dun traballador da contrata APPLUS+
Por Anxo Lourido
APPLUS+ é unha empresa contratada por Ence para realizar servizos na fábrica. O 15 de decembro esta entidade, con sede en Vigo, despedía a Jacky Tupai, un traballador que se atopaba de baixa médica e que leva máis de vinte anos desenvolvendo o seu labor como engraxador mecánico na fábrica de Ence en Pontevedra. Segundo a empresa auxiliar, o despedimento responde a un redución de beneficios. Para Comisións Obreiras e a Coordinadora de Empresas Auxiliares de Ence, o motivo responde a unha acción de represión sindical.
Jacky Tupai afirmaba este venres a PontevedraViva que o seu caso está denunciado ante os tribunais de xustiza e reafirmábase nas súas reivindicacións: "eu vou loitar polo meu posto de traballo. Estou a defender o meu dereito e o dos meus compañeiros". Na súa comparecencia estaba acompañado por Omar Vázquez, secretario de Acción Sindical de CCOO; Juan Carlos Esperón, delegado do Comité de Empresa da fábrica de Ence; e por José Carlos Serantes, portavoz da Coordinadora de Empresas Auxiliares da factoría.
Desde CCOO entenden que o despedimento responde as pretensións da empresa para non pagar algúns conceptos retributivos que se recollen no Convenio Colectivo. Culpan a Óscar Reboredo, xefe do departamento mecánico de APPLUS+ en Galicia, de presionar ao persoal para que renunciase ao seu salario por escrito durante o ERTE que Ence acometeu, meses atrás, para que a subcontrata non tivese que aplicalo alegando que "iso prexudicaría ás accións en Bolsa" da compañía.
Tupai, xunto a outros traballadores, tamén se negou cando o mesmo xefe do departamento, o 25 de novembro, ameazou persoalmente con despedimentos e modificacións das condicións de traballo se non aceptaban seguir realizando gardas e horas extra sen cobrar.
Os representantes sindicais consideran unha "escusa" as causas económicas para executar o despedimento porque, alegan, APPLUS+ duplicou en 2021 os seus beneficios ata case 100 millóns de euros. Advirten, ademais, de que esta auxiliar recorta servizos e modifica unilateralmente as condicións da contrata con Ence para aumentar os seus beneficios empresarios despedindo a un traballador que é considerado "referente" para o persoal.
O comité de empresa de Ence trasladou o problema deste traballador á dirección da fábrica de Lourizán, que indicou que tentarían mediar no conflito pero que a entidade pasteira "contrata servizos e non traballadores" ao realizar estes contratos, indicou Juan Carlos Esperón, delegado de CCOO.
Fronte a esta situación, desde as seccións sindicais de Comisións Obreiras na fábrica de Ence e a Coordinadora de traballadores auxiliares, anuncian concentracións reivindicativas a partir da última semana do ano tanto na entrada da fábrica de Ence en Lourizán como na sede de APPLUS+ para esixir a readmisión de Jacky Tupai e a revisión das condicións de traballo do persoal desta empresa.
Relacionadas:
-
Denuncian represalia sindical co despedimento de dous traballadores en ASAI, subcontrata de Ence
Por Anxo Lourido |
-
Protesta nas portas de Ence contra o despedimento de Jacky Tupai, traballador da auxiliar APPLUS
Por Anxo Lourido |
-
Suárez Costa, preocupado polas 156.000 toneladas de pasta de papel que se deixaron de exportar este ano
Por Oskar Viéitez |
-
Ence inicia en Navia a produción de Naturcell, celulosa que só se estaba a subministrar desde a fábrica de Lourizán
Por Anxo Lourido |
-
ENCE, ao 50% de produción en Pontevedra, agarda retomar a normalidade en dez días
Por Alejandro Espiño |
-
Unai Sordo reclama ao Goberno "que se moje" e deixe de "ponerse de perfil" con ENCE
Por Alejandro Espiño |