Un ano de prisión para un maltratador con orde de afastamento que seguiu residindo coa súa vítima ata que a Policía o detivo
Por Natalia Puga
Doce meses de prisión. É a condena que deberá cumprir un pontevedrés que, tras ser condenado por un delito de ameazas violencia de xénero, e cunha orde de afastamento en vigor, volveu convivir coa súa vítima no seu domicilio de Pontevedra durante días, ata que a Policía Nacional o detivo dentro da vivenda.
Esta historia remóntase a maio do ano 2022. O 16 de maio o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra condenouno en sentenza firme como autor dun delito de ameazas cometido contra a súa ex parella no domicilio dela no barrio de Monte Porreiro.
Naquel momento, impuxéronlle, como pena, a prohibición de aproximarse a menos de 150 metros da súa vítima e do seu domicilio, lugar de traballo ou outro no que poida atoparse durante oito meses, así como a prohibición de comunicarse con ela por calquera medio durante o mesmo tempo.
O 16 de maio notificáronlle persoalmente a condena e comunicáronlle que non podería aproximarse á súa parella nin comunicarse con ela ata o 10 de xaneiro de 2023.
A pesar de coñecer a condena e o deber de cumprila, na primeira quincena do mes de xuño acudiu ao domicilio dela e permaneceu residindo ata que foi detido o 15 de xuño. Cando lle arrestaron, estaba no interior da vivenda.
Xa o 12 de xullo de 2022 volveu ser condenado nun xuízo rápido no Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra por un delito de quebrantamento de condena a doce meses de prisión, pero el non estaba dacordo con a condena e recorreu.
Agora, a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de confirmar esa pena, confirmándoo como autor dun delito de quebrantamento de condena no ámbito da violencia de xénero
Entre outros motivos, o condenado alegaba que a súa parella, a denunciante nestes feitos, non prestou declaración en sede de instrución nin durante o xuízo, de modo que non había probas suficientes para condenalo. Con todo, a Audiencia considera suficiente proba a declaración dos axentes da Policía Nacional que lle detiveron no salón da vivenda da súa parella a pesar de estar condenado a non aproximarse a ela.