Investigan un veciño de Cotobade por roubar Lotería de Reis das valixas que el mesmo trasladaba
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil investiga penalmente un veciño de Cerdedo-Cotobade, de 30 anos, como presunto autor do roubo con forza de varios billetes da Lotería de Reis, e doutros sorteos xa celebrados, subtraídos do interior das valixas que el mesmo trasladaba, ao ser traballador dunha empresa de mensaxería, á administración de Lotería de destino, sita en Ponte Caldelas.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, as indagacións deriváronse no curso dunha inspección por parte do Seprona dos animais do investigado.
Postos en contacto con Loterías e Apostas do Estado e coa Administración de Lotería onde debían recibir ditos boletos, resulta ser que faltaron varios décimos do interior de varias valixas, que, ademais viñan cos precintos manipulados.
Ao realizar xestións coa empresa de mensaxería que realiza as entregas, constata que o a persoa investigada foi a mesma que fixo a repartición en todas as ocasións desde outubro do pasado ano 2022.
Dado que durante o tempo empregado nas xestións esta persoa cambiou de domicilio, non se puido recuperar a lotería, a cal se atopa invalidada, polo que podería dar problemas á hora de cobrala no caso de resultar agraciada con algún premio.
As dilixencias foron entregadas no Xulgado de Garda de Pontevedra.