Nin tableta nin PlayStation, este ano os Reis traen recicletas
Por Natalia Puga
"Nin tableta nin PlayStation nin nada. Bicicleta, balón de fútbol e boneca, iso é o que queren os nenos" e para facer posible que todos os pontevedreses reciban esa bicicleta que lle pediron na Carta aos Reis Magos, incluídos os que proceden de familias con menos recursos económicos, este Nadal se puxo en marcha un obradoiro de reciclaxe de pezas antigas.
Eusebio Rivero, coordinador das reparacións mecánicas deste obradoiro de 'recicletas', insiste en que a bicicleta é " o regalo estrela, o que todos queren". Precisamente a esta implantación social é á que atribúe o "éxito total" da iniciativa, pois "a xente que tiña unha bicicleta e que a quería de neno, valora máis que todos os nenos teñan unha".
A filosofía da campaña parte da solidariedade cidadá. Nos últimos meses promoveuse que os pontevedreses doen de forma altruísta bicicletas antigas e dende o 4 de novembro reparáronse e dado unha nova imaxe nun obradoiro celebrado na antiga Escola obradoiro de Monte Porreiro.
A iniciativa superou todas as previsións. Formulouse calculando que se doarían 50 bicicletas e "recibimos máis de 100. Ás primeiras contámolas, pero ás últimas xa non". Varias decenas están xa listas para que os Reis Magos pasen a recollelas e as entreguen ás familias seleccionadas polos Servizos Sociais como destinatarias deste especial regalo.
A edil de Benestar Social, Carmen Fouces, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, comprobaron este mércores na antiga escola obradoiro como funciona todo este proceso de reciclaxe dunha campaña que, segundo Eusebio Rivero, "o Concello de Pontevedra é pioneiro en España e parece que tamén en Europa", pois si é habitual que se promovan iniciativas nas que se dá un lavado de cara a bicicletas antigas, pero non unha reciclaxe completa como neste caso e con este talante tan solidario en todo o proceso.
Fernández Lores resaltou que un dos aspectos pioneiros deste obradoiro de recicletas é que participan nel dous coordinadores e seis traballadores derivados dos servizos sociais municipais, persoas perceptoras da renda de inserción social que a través deste obradoiro "aprenden un oficio e compleméntaselles a renda, reciben unha pequena aportación".
Carmen Fouces resaltou que a través deste obradoiro "van ter bicicletas rapaces que non habería outra maneira de que a tiveran" e que segundo os datos que manexa entre as 50-60 familias ás que os Reis Magos levarán unha "hai moitos rapaces que queren bicicletas e que non saben que a van a ter, vai ser un sorpresa grande".
A concelleira destaca a implicación cidadá na campaña de doazón de bicicletas previa á súa reciclaxe, na que veciños de Pontevedra e tamén dalgún outro municipo próximo como Marín ou mesmo Ribadumia levaron pezas antigas e non só en mal estado, senón "simplemente porque lle quedaban pequenas".
A maioría das pezas entregáronse na antiga escola obradoiro son dos anos 80 ou 90, pero hai algunhas 'xoias' como a BH California; a Abelux, coñecida por ser a bici da serie Verán Azul; unha que levaba mesmo o libro de instrucións; ou unha totalmente cromada. Todas elas foron recicladas (algunhas aínda o farán) de tal forma que "ningunha levará marca, para non xerar competencia entre os nenos". Levan a marca da casa: adhesivos e lemas como 'A modiño', "Vai caer' ou 'Sen dentes'.