Rías Baixas apela á súa orixe e ás súas raíces para "emocionar e sorprender" en FITUR 2023
Por Alejandro Espiño
Mostrar o orgullo dos pontevedreses por pertencer a unha terra na que vivir "experiencias, culturas e tradicións únicas". Ese é o espírito, segundo avanzou Carmela Silva, da nova campaña promocional que Turismo Rías Baixas estreará no marco de FITUR 2023.
Pontevedra estará presente un ano máis na Feira Internacional de Turismo que se celebrará entre os días 18 e 22 de xaneiro no recinto madrileño de IFEMA. Farao cunha campaña "potente" que apelará á nosa orixe e as nosas raíces para "emocionar e sorprender".
Orixe Rías Baixas. Un ano e mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra será, nesta ocasión, o título da promoción que fará Rías Baixas este ano, tendo como base unha peza audiovisual elaborada pola compañía pontevedresa Esmerarte.
"Se o ano 2022 foi estratosférico no sector turístico d provincia o 2023 será planetario", subliñou Silva, que asegura que en Rías Baixas "imos a por todas e queremos que a xente mire cara nós, sorprendela e que desexe vir á provincia a vivir as nosas orixes".
Para iso, Esmerarte creou un vídeo "moi de relato, de mostrar por que somos así, por que vivimos así e por que sentimos así", avanzou a presidenta provincial, cunha historia vinculada ao territorio, á cultura, ao patrimonio, á paisaxe ou ás tradicións que exhibirá "todo o que fomos capaces de construír para ser unha sociedade avanzada, auténtica e única".
Este audiovisual visibilizará tamén "como o territorio marca profundamente a nosa cultura e a nosa personalidade, facendo unha homenaxe ao que fomos, ao que somos e ao que seremos, conectando co máis íntimo de nós".
A presentación de Orixe Rías Baixas será o xoves 19 de xaneiro, ás cinco da tarde, a caseta de Turespaña. Será un acto "espectacular", garantiu Carmela Silva, cunha posta en escena "especial, única e valente" e que será, segundo destacou orgullosa, "a mellor, a máis emocionante, divertida e sensorial e a que máis vai sorprender de todo FITUR".
Neste 2023, a invitada para conducir o acto será a artista multidisciplinar Julia de Castro, protagonista do vídeo da campaña, que vestirá vestimentas e complementos elaborados por artesáns da provincia para "presumir da cultura que herdamos e que nos referencia".
Haberá ademais un segundo vídeo, gravado no Mosteiro de Carboeiro (Silleda) coa participación de Nova Danza Galega, e obsequiarase aos asistentes cun caderno de viaxe con datas e imaxes dos eventos máis importantes da provincia de Pontevedra.
Xunto á presentación da campaña, a Deputación contará por vez primeira cunha caseta promocional en FITUR Screen, para presentarse como destino para albergar calquera tipo de produción audiovisual, un escenario "soñado e desexado" para gravar filmes ou series.
Alí darase a coñecer, o mércores 18 de xaneiro, a Pontevedra Provincia Film Commission e, ademais dun vídeo promocional específico, presentarase a páxina web do organismo, que ofrecerá información pensada para localizadoras, plataformas e produtoras.
A presenza en FITUR 2023 completarase coa participación na sección que a feira dedicará por primeira vez ao turismo deportivo, o FITUR Sport Tourism Summit, na que Rías Baixas se reivindicará como referencia na organización de eventos deportivos.
"Lanzaremos un potente vídeo que ten como protagonistas a diferentes deportistas e presenta espazos únicos onde se poden practicar numerosas disciplinas, así como as experiencias que aquí se poden vivir e a gastronomía da que desfrutar", detallou Carmela Silva.
Ademais, a delegación da institución provincial asistirá á Gala Q de Calidade, na que ademais de revalidar os distintivos alcanzados en anos anteriores, o Museo de Pontevedra recollerá o primeiro galardón Q que se concede a un museo en Galicia.
Relacionadas:
-
Novo premio para unha campaña de Turismo Rías Baixas, esta vez en Cannes
Por Redacción |
-
As Rías Baixas 'conquistan' o Metro de Madrid
Por Redacción |
-
FITUR absorbe o orgullo da provincia de Pontevedra con 'Orixe Rías Baixas'
Por Redacción |
-
A provincia preséntase en FITUR como escenario para rodaxes cinematográficas
Por Redacción |
-
O Museo celebrará os seus premios 'Q' de calidade e 'S' de sustentabilidade cun acto no Edificio Castelao
Por Redacción |
-
E o premio 'Q 2023' para o municipio líder en España en selos de calidade é para… Sanxenxo
Por Redacción |
-
A artesanía e o téxtil da provincia 'vestirán' a presentación de Orixe Rías Baixas en FITUR
Por Redacción |
-
A illa de Tambo, entre os novos atractivos turísticos que Poio amosará en FITUR
Por Oskar Viéitez |
-
A promoción de Sanxenxo en FITUR inclúe un sorteo de 12 estancias para dúas persoas
Por Redacción |
-
A provincia duplicou as cifras do Nadal anterior cunha ocupación hostaleira do 66%
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra 'recruta' a Bruce Lee para divulgar en FITUR o seu potencial en turismo sostible
Por Alejandro Espiño |
-
As irmáns Mendoza 'reviven' como anfitrioas da oficina "máis sorprendente, dixital e inclusiva" de Rías Baixas
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación valora como "éxito rotundo" a súa presenza na Feira Internacional de Turismo do Interior
Por Redacción |
-
Spain Film Commission impulsa, en Pontevedra, a promoción de España como destino cinematográfico internacional
Por Redacción |