"Decepción total" no PP co capítulo de investimentos municipais para a reforma urbana
Por Oskar Viéitez
No grupo municipal do Partido Popular din estar "totalmente decepcionados" co capítulo de investimentos que o Orzamento municipal para 2014 destina á reforma urbana.
Sinalan os populares nun comunicado que o Concello de Pontevedra manterá ata o final do actual mandato "o mesmo anquilosamento que nos dous últimos anos e medio desde un prisma puramente municipal".
As críticas do PP xurden logo da celebración da Comisión de Facenda na que se debateron posibles modificacións ao proxecto de orzamentos para 2014. Nela, segundo di o PP, o grupo de goberno recoñeceu que da partida de 1.540.000 euros destinada a mellora de rúas, "algo menos de un millón corresponden as contadas e escasamente ambiciosas actuacións que xa están en execución".
Conclúen na oposición que "de hoxe ata as vindeiras eleccións municipais, tan so haberá algún asfaltado ou algunha ampliación de beirarrúas que se disfrazará de gran reforma urbana e que o Concello estreará con case máis gasto na festa de inauguración que na actuación en si mesma".
Os concelleiros do Partido Popular interesáronse especificamente durante a devandita comisión por algunhas obras como a reforma do Campo da Torre, da Praza da Castaña, do contorno de Pasarón, ou a rehabilitación dun edificio situado no recinto escolar do Álvarez Limeses, e aseguran que a resposta que obtiveron foi que estas obras non figuran, nin o farán, entre as prioridades municipais.
Todos estes anuncios, para o voceiro do PP, Jacobo Moreira, confirman "que a tónica destes anos de goberno municipal, con escasos ou nulos investimentos, continuará ata o 2015".