
© PontevedraViva
Convocado un encerro dos celadores para o luns 23 de xaneiro en Montecelo

Por María José Pita
O colectivo de celadores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés reuníase na tarde deste mércores 11 de xaneiro no auditorio de Montecelo para debater sobre "vellas reclamacións que se cronificaron e naturalizaron co tempo e que conlevan un desgaste e cansazo dentro do colectivo", informaba Gustavo Olmedo, o portavoz dos celadores e celadoras da área sanitaria.
Estas reivindicacións eran recollidas nunha entrevista que Olmedo concedía a PontevedraViva o pasado 5 de novembro. "Unha destas reclamacións antigas é renovar o parque de padiolas e de cadeiras de rodas da área de Urxencias de Montecelo porque están nalgúns casos, e non esaxero, inservibles, e non dignifica para nada a nosa profesión nin tampouco ao paciente. Son materiais que levan moitos anos en uso, que están moi baqueteados porque é un servizo, o de Urxencias, que ten moito uso ao longo do día. Moitos compañeiros tivemos lumbalxias porque estamos a traballar todos os días, non é algo puntual, cunhas padiolas e unhas cadeiras que están moi vellas, obsoletas, e é un sobreesforzo diario. Outra reclamación importante é unha contratación digna, que non teñamos un contrato cada día distinto e nun servizo distinto".
Estas reclamacións foron expostas na última reunión co xerente da área sanitaria José Flores, "as mesmas que se expuxeron á anterior xerencia e que a día de hoxe todas elas están sen resolver", lamenta Olmedo. A estas demandas únese a reivindicación de que no novo mapa de profesións se inclúan aos celadores dentro da categoría sanitaria. Para iso, necesitan que o Parlamento de Galicia aprobe unha proposición non de lei que se segue atrasando no tempo.
Aínda que o colectivo de celadores manifesta que as mobilizacións "serían o último recurso", ante a falta de resposta dos xestores sanitarios finalmente acordaron un encerro de 24 horas no Hospital Montecelo o vindeiro luns 23 de xaneiro. Así mesmo, comunica o colectivo de celadores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que "se convidou aos compañeiros doutras áreas sanitarias a que nos secunden".
Relacionadas:
-
Peche de 24 horas dos celadores no auditorio do Hospital Montecelo
Por Redacción |
-
A Xerencia da área sanitaria comprométese a estudar contratacións temporais por períodos de nove meses
Por Redacción |
-
Unha fronte de alcaldes pide que Rueda asista á reunión para tratar a situación sanitaria do distrito de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Cada día nun servizo e con material obsoleto, a triste realidade dos celadores de Pontevedra
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Celadores do distrito sanitario de Pontevedra denuncian que a xerencia abusa dos contratos temporais dun día
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |