Xa se poden facer achegas aos proxectos de mellora de 37 paradas de autobús no Salnés
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade abriu este venres o período de información pública do proxecto de mellora de 37 paradas situadas na rede de estradas autonómicas da comarca do Salnés, que suporá un investimento de 745.000 euros financiado con fondos europeos.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, informou do inicio desta tramitación administrativa que recolle o Diario Oficial de Galicia de hoxe, nunha visita á estrada PO-531, ao seu paso polo Concello de Meis, á altura da coñecida como recta da Goulla, que é un lugar no que se actuará en catro paradas de autobús.
O período de información pública permanecerá aberto ata o 28 de febreiro para todos aqueles que queiran trasladar achegas a este proxecto.
As actuacións desenvolveranse nos municipios de Sanxenxo (onde se actuará en 14 paradas), Meis (12), O Grove (4), Cambados (4) e Meaño (3). As actuacións teñen como obxectivo reforzar a seguridade e o uso do transporte público.
Os concellos de Vilagarcía, Vilanova e Poio, verán melloradas as súas paradas con outra iniciativa que se atopa actualmente en fase de redacción.