A artesanía e o téxtil da provincia 'vestirán' a presentación de Orixe Rías Baixas en FITUR
Por Redacción
Almillas, zocos, pendentes das colareiras do Grove, sapos artesanais, estameñas únicas e a cor da flor do toxo, entre outros elementos, "que tanto falan de nós", segundo a Deputación, serán protagonistas da estrea da campaña "Orixe Rías Baixas" no marco da feira FITUR 2023.
A presentación no stand Turespaña "vestirase" con elementos tradicionais senlleiros e representativos da provincia da man da presidenta Carmela Silva e a artista multidisciplinar Julia de Castro, encargadas de conducir o acto de presentación da campaña.
Ambas, ao igual que a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, levarán roupas, complementos e calzados artesanais, como xesto de compromiso coas tradicións e coas pequenas empresas do sector téxtil da provincia de Pontevedra.
Así, a presentación de Orixe Rías Baixas será unha "experiencia en si mesma", destacou Carmela Silva, xa que ademais de amosar a través de audiovisuais e imaxes "o orgullo de pertencer a unha terra ancestral na que desfrutar de vivencias, culturas e tradicións únicas no mundo" poderase tamén palpar a través das vestimentas, feitas expresamente para a grande cita turística.
O concepto de artesanía local, de recuperación de tradicións nosas e únicas "que tanto nos identifican", forma parte tamén da campaña deste ano de Orixe Rías Baixas.
Carmela Silva, en concreto, vestirá unha antiga almilla, chaqueta tradicional bordada, adaptada a corte feminino, na cor da chorima ou alecrín (flor do toxo).
Trátase dunha peza feita pola deseñadora viguesa Patricia González Iglesias, inspirada no cadro Saíndo de misa. Pazo de Mende (1907) do pintor Álvarez de Sotomayor.
Ademais, calzará con zocos da Premio Nacional de Artesanía Elena Ferro e levará pendentes das colareiras do Grove, en concreto da artesá Montse Betanzos, amais dun colar de sapo seguindo a tradición galega.
Lucirá tamén un bolso da artesá Elena Ferro inspirado nas fundas que gardaban as antigas pandeiretas, unha reintepretación deste instrumento musical femenino en Galicia por excelencia.
Pola súa banda, Julia de Castro vestirá unha peza de traxe tradicional negro bordado con abelorios, que se trata dun elemento orixinal e único e levará pendentes de "ferriñas", da artesá Ana Freiría, que reinterpreta unha das pezas clave da música en Galicia: a pandeireta.
Finalmente a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, lucirá estameña vermella inspirada no dengue tradicional, con bordados de petróglifos da provincia como son Outeiro das Sombriñas (Ponte Caldelas), Laxe dos Cervos (Cerdedo-Cotobade), Rotea do Medio (Campo Lameiro) e Castro de Troña (Ponteareas).
Relacionadas:
-
Novo premio para unha campaña de Turismo Rías Baixas, esta vez en Cannes
Por Redacción |
-
FITUR absorbe o orgullo da provincia de Pontevedra con 'Orixe Rías Baixas'
Por Redacción |
-
Yoya Blanco e Iván Puentes presentan en FITUR, coa axuda de Bruce Lee, a Pontevedra como ecodestino
Por Redacción |
-
A provincia preséntase en FITUR como escenario para rodaxes cinematográficas
Por Redacción |
-
E o premio 'Q 2023' para o municipio líder en España en selos de calidade é para… Sanxenxo
Por Redacción |
-
A illa de Tambo, entre os novos atractivos turísticos que Poio amosará en FITUR
Por Oskar Viéitez |
-
A promoción de Sanxenxo en FITUR inclúe un sorteo de 12 estancias para dúas persoas
Por Redacción |
-
Pontevedra 'recruta' a Bruce Lee para divulgar en FITUR o seu potencial en turismo sostible
Por Alejandro Espiño |
-
Rías Baixas apela á súa orixe e ás súas raíces para "emocionar e sorprender" en FITUR 2023
Por Alejandro Espiño |