Substrae unha pulseira de 3.000 euros a unha pontevedresa polo furto 'da aperta'
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Pontevedra logrou identificar a presunta autora dun delito de furto cometido utilizando o método 'do abrazo' no que a presunta vítima é unha veciña da cidade de idade avanzada á que supostamente susbtraeu unha pulseira valorada en 3.000 euros.
A presunta ladroa é unha cidadá romanesa de 21 anos que xa tería cometido furtos con este método na Coruña e Vilagarcía nas últimas semanas. A súa vítima identificouna, pero a Policía non logrou localizala aínda.
O feito foi denunciado o 14 de decembro. Unha muller de avanzada idade relatou que cando camiñaba por unha céntrica rúa da cidade foi abordada por unha rapaza nova que portaba unha carpeta cun anagrama dunha coñecida ONG solicitando firmas para axudar á infancia.
Ante a insistencia da moza, a muller decidiu darlle unha moeda. A continuación, a moza comezou a darlle bicos e apertas agradecéndolle o seu donativo mentres trataba de sacarlle os aneis que levaba postos. Non logrou conseguir esas xoias, pero si lle quitou unha pulseira de ouro de grande antigüidade valorada en máis de 3.000 euros.
A muller decatouse do furto cando estaba a entrar no salón de peiteado e saíu rapidamente para intentar dar o alto á ladroa, pero escapóuselle. Tras a denuncia, logrou ser identificada e coñecerse os seus antecedentes policiais por feitos similares.
A Policía recorda que este é un dos enganos máis frecuentes nestas datas e tamén alerta, por segunda vez esta semana, da frecuente presenza na capital de grupos de mozos, normalmente mulleres de dúas en dúas, que se dedican a solicitar donativos destinados a supostas asociacións de todo tipo, dende persoas con discapacidade, nenos pobres ou animais abandonados tan só como escusa para cometer unha estafa.
Esta identificación enmárcase no dispositivo especial 'Comercio Seguro' posto en marcha pola Policía Nacional para garantir a seguridade cidadá durante as datas do Nadal, cuxo obxectivo é previr e evitar a comisión de furtos, enganos, estafas, roubos e outros delitos que adoitan producirse ante as grandes aglomeracións en zonas comerciais e de ocio.
Relacionadas:
-
As ladroas amorosas volven a Pontevedra, esta semana caeron dúas vítimas
Por Redacción |
-
Se uns descoñecidos tentan estreitarte, sepárate e chama á Policía, volveu o 'furto do abrazo'
Por Redacción |
-
Onde está o médico máis próximo? De paso, quedo coas túas xoias
Por Redacción |
-
Alertan da presenza en Pontevedra de grupos de estafadores que piden donativos para asociacións ficticias
Por Redacción |