Aldi prevé abrir antes do verán o seu supermercado en Vialia
Por Alejandro Espiño
Aldi acelera o seu desembarco en Pontevedra. A compañía prevé abrir o supermercado que ocupará gran parte da planta baixa do centro Vialia no primeiro semestre de 2023. É dicir, antes do verán. Así o confirmou a empresa a PontevedraViva.
As obras para acondicionar esta gran superficie comercial comezaron xa. Aínda que os traballos, polo momento, non son demasiado visibles, os operarios xa están a actuar no interior do inmoble, que foi valado por seguridade.
A multinacional alemá abrirá un supermercado que terá unha superficie comercial de 1.240 metros cadrados e que modificará radicalmente a configuración deste espazo. Neste proxecto, a compañía investirá case 838.000 euros.
Coa chegada de Aldi a Vialia, desaparece o restaurante chinés, a sala de xogos e a entrada pola rúa Eduardo Pondal. O supermercado ocupará case toda a planta baixa do centro e a el poderase acceder desde un dos seus laterais, á beira da estación de tren.
Ademais, o antigo ximnasio situado no soto deste centro comercial, que quedara en desuso, será reconvertido en aparcamento, uníndoo coas actuais prazas soterradas baixo o edificio, quedando todo este espazo para uso exclusivo do supermercado.
Desde Aldi afirman que Galicia "é unha rexión crave dentro do noso plan de expansión" e, dentro desta proxección, Pontevedra terá un papel relevante porque ademais do supermercado de Vialia abrirá unha segunda área comercial na Avenida de Lugo.
Por agora, iso si, descoñécese cantos postos de traballo creará a empresa coa apertura destes dous supermercados, xa que por política interna da compañía non ofrecen este tipo de información "ata que os proxectos estean finalizados e xa estean a piques de abrir as súas portas".
Estas dúas aperturas en Pontevedra forman parte do plan trazado por Aldi para 2023, ano no que estima que abrirán medio centenar de supermercados por toda a xeografía nacional.
Relacionadas:
-
Un supermercado de máis de 1.000 metros cadrados e 16 persoas para o desembarco de Aldi na cidade
Por Redacción |
-
Vialia estreará o 5 de abril a súa nova cara coa apertura do primeiro Aldi de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Lores asegura que "a cidade despega despois da pandemia" con 244 peticións de licenzas de actividade económica
Por Anxo Lourido |
-
Aldi xa ten licenza para habilitar o seu supermercado en Vialia
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello concede licenza ao segundo supermercado de Aldi que construirá na avenida de Lugo
Por Oskar Viéitez |
-
Revolución en Vialia, que cambiará de aspecto coa chegada de Aldi
Por Alejandro Espiño |