As vodas máis icónicas da historia, sen segredos para a pontevedresa que estrea podcast en Vanity Fair
Por Natalia Puga
O formato podcast da revista estadounidense Vanity Fair chega á súa edición española e, nesta estrea, ten voz de Pontevedra. A xornalista Raquel Piñeiro, nacida en Vigo, pero que se considera a si mesma pontevedresa de adopción tras mudarse aos 13 anos, é a responsable desta inauguración co proxecto 'Bodas icónicas'.
Piñeiro leva anos colaborando con esta revista estadounidense, que edita Condé Nast Publications con temas centrados en cultura, moda ou política, e en 2019 comezou a escribir sobre vodas, pero non enlaces calquera, senón aqueles que chegaron a cambiar a historia ou cuxos protagonistas os converten en acontecementos para non esquecer.
Desde que en febreiro de 2019 escribiu a súa primeira reportaxe sobre vodas, a serie foi evolucionando, gañando en seguidores e profundidade, ata consolidarse tanto que o ano pasado Alberto Moreno, director editorial de Vanity Fair España, propúxolle pasala ao formato podcast. Foi para ela todo un reto no que leva traballando desde setembro e esta semana viron a luz os dous primeiros episodios.
'Las dos bodas de Elizabeth Taylor y Richard Burton: la historia que comenzó con una resaca y una taza de café' y 'El día que nació el fenómeno Isabel Preysler: el de su boda con Julio Iglesias' son os dous capítulos inaugurais e, nos próximos meses, irá estreando un episodio cada luns ata un total de 18.
A serie en papel ten máis dun centenar de artigos e para este formato podcast realizouse unha selección entre Raquel e Vanity Fair no que a metade son vodas españolas e a outra metade repartida entre matrimonios reais e outros de alcance internacional. Algúns dos próximos capítulos están protagonizados por personaxes como Tita Cervera, e o Xa de Persia. E haberá unha segunda entrega sobre Isabel Preysler.
O proxecto evolucionou desde aquelas primeiras reportaxes nos que escribía dúas ou tres páxinas de cada voda a artigos actuais "moi longos e complexos", de 10 ou 15 páxinas, tras os que hai "moitísimo traballo" de documentación e investigación. Para o seu salto ao audio, ademais, conta cun equipo amplo para o guión e as gravacións e confía en colaboracións doutros xornalistas ou especialistas nos personaxes que aborda. Para falar de Isabel Preysler e Julio Iglesias, por exemplo, contou con Hans Lagoa, Pilar Eyre e outro pontevedrés, Manuel Jabois.
En conversación con PontevedraViva, Raquel Piñeiro explica que o obxectivo que perseguen estas 'vodas icónicas' non é simplemente contar unha ligazón matrimonial. "A min as vodas danme exactamente igual", recoñece, pero sérvenlle de enganche, de "pretexto" para ir máis aló, para contar o que realmente quere contar, "as historias de famosos e celebridades e o seu contexto", trazando un perfil cultural e sociolóxico de distintos momentos históricos a través dos noivos, as súas familias e personaxes secundarios.
"As vodas en si son un pretexto bonito para falar dunha parella, dun contexto e dun mundo", explica. Así, falan de vodas de famosos a nivel internacional, de membros da monarquía e a realeza, de celebrities de todos os tempos e, a través das súas historias de amor, retrata toda unha época, "desde acontecementos históricos como a Segunda Guerra Mundial a caídas de imperios".
Con estes relatos, ademais, busca contar "as historias que lle pasaban ás mulleres", abordando matrimonios do século pasado ou de hai poucas décadas, pero que moitas veces esconden detrás "relacións desiguais" porque "aínda que a outra persoa te amase, e non houbese violencia, sempre había un punto de dominación, non de relación entre iguais".
Á hora de escribir unha historia, Raquel Piñeiro encáraa coa mente totalmente aberta e recoñece que "me gusta moito cando me sorprende unha parella", cando empeza a traballar sobre unha parella e atópase con personaxes como Fabiola e Balduino de Bélxica, moito máis complexos do que esperaba a priori, ou con personaxes secundarios de gran riqueza como o Barón Thysen ou Brigitte Bardot, cuxa vida "súper axitada e complexa" a sorprendeu.
Os seus artigos na web de Vanity Fair en España deron a Raquel Piñeiro moitas satisfaccións, pois foi "moi reconfortante ver que había xente o seguía" e que xeraba moito feedback. Agora, móstrase tamén emocionada co salto ao formato podcast.
Christopher Bannon, SVP Head of Global Audio de Condé Nast, tamén se mostra "emocionado" por este lanzamento, que supón, ademais, o primeiro podcast de Vanity Fair en España. "Tanto as nosas análises como a propia audiencia de Vanity Fair indícannos que os seguidores españois están ávidos de máis contidos premium, e esperamos que este sexa só o primeiro do que pronto será unha ampla e vibrante rede de contidos", explica.
Nesta primeira entrega de 18 episodios, poderanse escoitar podcast de media hora sobre vodas que cambiaron a historia, relacións que marcaron durante anos a crónica do corazón e unións que iniciaron dinastías. Tal e como explica a revista na súa presentación, haberá "flechazos a primeira vista, infidelidades, festas cheas de glamour e, sobre todo, vodas: multitudinarias ou secretas, pero todas celebrando matrimonios que marcaron a nosa cultura e das que imos descubrir as historias completas e algúns dos seus segredos".
'Bodas Icónicas' é unha produción de El Canonazo Transmedia para Vanity Fair, en colaboración con Condé Nast Entertainment Audio, que consolida a traxectoria de Raquel Piñeiro (Vigo, 1982), formada en Historia na Universidade de Santiago de Compostela e actualmente xornalista freelance asentada en Barcelona desde o ano 2005. Colabora tamén con El País, Elle, El Comidista ou Conde Nast Traveller, ademais de editar guías para Lonely Planet ou realizar proxectos como pasatempos para adultos con temáticas de viaxes. Entre traballo e traballo, sempre atopa un oco para regresar a Pontevedra, que considera a súa cidade, e onde seguen vivindo os seus pais.