Os ataques ao alcalde de Vilanova chegan agora en forma de panfletos
Por Natalia Puga
Os ataques que o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, continúan. Despois de que nos últimos meses atacasen a súa casa e este mes de xaneiro o seu coche, esta fin de semana, esas acometidas tomaron forma de panfletos.
Así, tal e como denunciou o propio alcalde e puido confirmar PontevedraViva, na noite do venres ao sábado alguén sementou Vilanova con panfletos atacando ao rexedor con todo tipo de acusacións e insultos.
O panfleto en papel inclúe a imaxe do propio Gonzalo Durán e o seu nome, para que non haxa ningunha dúbida sobre a persoa destinataria destas acusacións. Ademais, pídelle que dimita "mentres teñas razón de uso".
O autor deste panfleto fala en primeira persoa de supostas accións do alcalde de Vilanova que o prexudicaron e pide explicacións sobre o ocorrido.
O propio sábado, púxose en coñecemento da Garda Civil a existencia destes panfletos, que alguén tirou supostamente desde un coche, e fontes oficiais do Concello de Vilanova confirmaron xa a principios de semana a intención do alcalde de denunciar. Finalmente, este mércores, Gonzalo Durán formalizou a denuncia, segundo confirmaron fontes oficiais da Garda Civil.
O alcalde continúa pedindo colaboración cidadá para localizar aos responsables destes ataques. A semana pasada difundiu un vídeo dunha serie de cámaras de seguridade coas imaxes de dúas persoas que tentaron incendiar a súa casa en setembro de 2021.
O vídeo inclúe un chamamento a quen poida axudarlle a identificar a estes individuos, habilitando unha dirección de correo electrónico (colaboracionciudadanavilanova@gmail.com) para que se acheguen pistas que poidan esclarecer o suceso. Fontes municipais confirmaron que xa recibiron chamadas telefónicas e correos de persoas que achegan datos e información dos sospeitosos.