FITUR absorbe o orgullo da provincia de Pontevedra con 'Orixe Rías Baixas'
Por Redacción
A presentación de 'Orixe Rías Baixas' en FITUR converteuse nunha declaración de orgullo do legado da provincia a cargo da Deputación de Pontevedra ofrecendo a riqueza procedente de tradicións únicas que se reinterpretan desde a actualidade.
Centenares de persoas achegábanse durante este xoves ao auditorio 'Ágora' de Turespaña na Feira Internacional de Turismo. Alí presentábase esta campaña coa presenza de Rosana Trasfogueiro, secretaria de Estado de Turismo e coa asistencia de alcaldes e alcaldesas da provincia, ademais de numerosos representantes do sector turístico provincial e estatal.
Carmela Silva, presidenta da Deputación, e a artista multidisciplinar Julia de Castro, con vestimenta tradicional, presentaron o audiovisual que promociona as posibilidades turísticas da provincia. Ambas mantiveron un diálogo destacando a paisaxe, patrimonio ou a música de Galicia cunha interpretación en directo a cargo de Sara e María, "Fillas de Cassandra", cun son moderno de pandeireta.
A proposta de 'Orixe' céntrase nos valores intanxibles da provincia e na riqueza etnográfica. O audiovisual explica como a cidadanía coida as tradicións e realiza un percorrido polo traballo das zoquerías e mostra festas do Entroido, imaxes do interior de Pazos como o de Señoráns en Meis ou o Balneario de Mondariz; ademais de museos e paisaxes de diferentes puntos. Neste traballo tamén se mostra a reinterpretación "desde o máximo respecto" das tradicións populares levándoas a un contexto contemporáneo.
Carmela Silva explicou que Pontevedra ofrécese como "un destino máxico no que vivir experiencias únicas durante os doce meses do ano, cheo de oportunidades para gozar da nosa cultura, paisaxes, gastronomía e xente". O acto concluía coa entrega dun agasallo "boutique", a modo de caderno ilustrado de viaxe, con todas as citas do calendario na provincia e entrégase tamén un exemplar de 'Polos vieiros do fabulador', con textos de Álvaro Cunqueiro sobre as gastronomía e tradicións provinciais.