Desobedece unha orde de ingreso en prisión, acampa na Barca co seu can, foxe da Policía e ameaza con cortarse o pescozo
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio detivo na mañá deste xoves a un home de 45 anos que debería ingresar en prisión o pasado 6 de xaneiro, pero estaba acampado co seu can na zona da Barca e, cando os axentes quixeron identificalo, fuxiu e ameazou con contarse o pescozo cunhas tesoiras.
O home, natural de Muxía, acabou detido por desobediencia e resistencia á autoridade, un delito que se suma aos que xa tiña antes deste xoves. Así, estaba escapado da xustiza porque fora condenado por un delito de lesións graves e tiña unha sentenza firme para entrar en prisión. Ademais, ten múltiples antecedentes por violencia de xénero, lesións, tráfico de drogas ou atentado.
Todo ocorreu sobre as 12.10 horas. Un cidadán alertou á Policía Local de Poio porque no túnel existente entre a Rúa Peirao da Barca e o centro comercial da Barca había unha tenda de campaña que obstaculizaba o paso dos peóns.
Os policías comprobaron que había un home cunha tenda, un can e unha bicicleta cun remolque e quixeron identificalo, pero dixo que non tiña documentación e non lembraba o seu DNI. Primeiro deulles datos falsos e, cando quixeron identificalo a través do microchip do can, díxolles que era do seu irmán, pero estaba a facerse cargo del mentres faenaba no Gran Sol.
Ante as dúbidas, decidiron trasladalo a pé á Comandancia da Garda Civil, pero, á altura da Casa Rosada, tirou a bicicleta e emprendeu a fuxida polo interior do centro comercial.
Aí comezou unha persecución policial na que lle ordenaron en varias ocasións que se detivese sen éxito. Durante a fuxida, colleu unhas tesoiras e púxoas ao pescozo ameazando con autolesionarse.
Coa axuda dunha patrulla de apoio, interceptárono na ponte da Barca. Os catro policías rodeárono e ordenaron novamente que deixase a arma branca mentres a tiña ao pescozo. Finalmente, un axente logrou inmobilizarllle a man dereita, na que levaba as tesoiras, e detivérono.
Nese momento, confesou que recibiu unha notificación xudicial para ingresar en prisión, que xa vencera o prazo máximo para facelo e que se atopaba fuxido para eludir a acción da xustiza, xa que non tiña intención de entregarse.
Está previsto que este xoves pase a disposición xudicial.