Denuncian problemas de accesibilidade no CIFP A Xunqueira: a falta de ascensor obriga a subir varios pisos con lesións e muletas
Por Natalia Puga
O CIFP A Xunqueira de Pontevedra ten 43 anos de antigüidade e empeza a presentar problemas derivados de ser construído fai máis de catro décadas e sen cumprir cos requisitos de accesibilidade esixibles a día de hoxe. Un deles, que nos últimos meses xerou queixas reiteradas, é a falta de ascensor. Ao non contar con este equipamento, o alumnado do centro que sofre lesións ou dificultades de mobilidade vese obrigado a subir varios pisos de escaleiras a pesar de moverse, por exemplo, con muletas.
A situación derivou nos últimos meses na presentación de varias queixas por parte do alumnado, dúas delas esta mesma semana por parte de dúas alumnas do ciclo de técnico superior en educación infantil. As estudantes denuncian tamén que desde a dirección do centro desatenden as súas peticións e non lles buscan solucións.
Respecto diso, o director, Santiago Ferrer, asegura que se tramitan todas as recibidas, pero a realidade é que "ascensor non temos", como non teñen tampouco "a maioría dos centros de Galicia" que xa teñen certa antigüidade. Segundo explica, "a solución inmediata é imposible", pero "está a tratarse de buscar solucións alternativas".
As dúas últimas queixas, presentadas este xoves, aínda non teñen resposta, pero si se van a tramitar, enviándoas á Consellería de Educación, responsable de calquera actuación que requira actuar nas infraestruturas.
Entre as afectadas está unha alumna que antes de Nadal sufriu unha lesión nun xeonllo que a obriga a moverse en cadeira de rodas. Como alternativa, ante a imposibilidade de subir as escaleiras, adoptouse a solución de adaptar espazos da planta baixa. Previamente foi necesario coordinar coa alumna os seus horarios de fisioterapia e finalmente adaptaron a biblioteca e o salón de actos para dar clase.
Adaptar estes espazos implica que xa non están dispoñibles para buscar solucións a outros estudantes que presenten dificultades de mobilidade.
É o caso dunha alumna do ciclo de técnico superior en educación infantil, que comezou a súa formación este curso académico 2022-2023 sen dificultades, pero unha lesión recente obrígaa a acudir con muletas desde que se retomaron as clases do segundo trimestre o 9 de xaneiro.
Esta alumna sufriu unha lesión e actualmente presenta unha escordadura nun pé e problemas no talón de aquiles, de aí a necesidade das muletas. O problema chega con que a súa aula está no segundo piso do centro e, ao carecer de ascensor, subir complicóuselle. Nos primeiros días ía coas dúas muletas e tivo que acudir ao médico porque "me amolei máis o pé e agora a recuperación vai máis lenta". Actualmente, xa consegue moverse cunha soa.
Segundo a información facilitada por Santiago Ferrer, ao alumnado que chega novo ao centro advírteselle desta falta de accesibilidade e comunícaselle que a Xunta os pode derivar a outros centros que si garantan emendar estas cuestións de mobilidade.
Outra das alumnas afectadas é outra moza matriculada en primeiro curso do ciclo de técnico superior en educación infantil que, neste caso, ten unha prótese de cadeira desde hai anos pola que os médicos lle recomendan non subir escaleiras. Respecto diso, o director indica que se lle comunicou a situación a principio de curso.
Esta moza explicou a PontevedraViva que cando a principios de curso lle comunicaron a situación, non tiña esta recomendación médica de non subir escaleiras, xa tiña a prótese desde os 15 anos, pero pensaba que podía ir ao segundo piso sen problema.
Hai alumnado que sufriu nos últimos meses estes problemas de forma puntual, como unha alumna do ciclo de integración social que o padeceu entre tres e catro semanas en outubro e novembro, no seu caso, coa obriga de subir ata o terceiro piso coas muletas. Tamén presentou queixa e, con outra alumna da súa clase afectada, chegou a recoller firmas denunciando o ocorrido, pero tamén sen resposta.
A pesar das queixas presentadas, as alumnas consultadas aseguran que "desde a dirección non se nos escoita" e non se busca solución a esta ausencia de ascensor a pesar de que "por lei debería telo". "Nunca se obtivo resposta nin dado solucións", sinalan.
O alumnado lamenta estas limitacións nun centro que ofrece educación "de calidade" e resulta "referencia da formación profesional". Cualifícano como "inaceptable" e denuncian que supón "discriminación de persoas que presenten algún tipo de diversidade (estar en cadeira de rodas, por exemplo)".
O director insiste en que neste centro sempre se traballa "en beneficio do alumnado" dentro das "posibilidades que temos". Por iso é polo que sempre advirtan da falta de accesibilidade xa no momento da matrícula.