Rexeitada no pleno a moción do PP para investir cinco millóns de euros en Monte Porreiro
Por Redacción
O pleno ordinario da corporación celebrado este venres 20 de xaneiro, previo ao de entrega dos Premios Cidade de Pontevedra, comezaba coa protesta de veciños de Mourente e de funcionarios do Concello de Pontevedra ás portas do Teatro Principal. Ambos colectivos asistiron a parte da sesión no interior do recinto acompañando con apupos os inicios das intervencións dos concelleiros do grupo de goberno.
Inicialmente aprobábase a modificación do Regulamento Orgánico do Pleno do Concello e das súas comisións, coa petición por parte da concelleira popular Pepa Pardo de ampliar no futuro este regulamento coa posibilidade de asistencia telemática a plenos e comisións municipais.
Tamén se realizaba a aprobación definitiva do Plan de Actuación Municipal contra incendios forestais do Concello de Pontevedra. Estes puntos aprobábanse por unanimidade da corporación.
O debate abriuse na moción presentada polo Partido Popular na que reclamaban un investimento de cinco millóns de euros para a urbanización de Monte Porreiro. Rafa Domínguez, portavoz popular, expuxo que este barrio é o "máis abandonado" de Pontevedra. Afirmou que nos últimos anos non se rexistraron actuacións de importancia ao estar sometido a un "castigo por parte do señor Lores", argumentou lembrando o proxecto do goberno local que foi rexeitado polos veciños de Monte Porreiro.
Os populares solicitaron unha "mellora integral" con reforma de beirarrúas, unha humanicación homoxénea, un incremento do 50% en iluminación; máis limpeza; máis presenza policial; e melloras no Parque do Miradoiro, do pavillón e do campo de fútbol.
Demetrio Gómez respondeu alegando que a moción estaba "chea de falsidades, descoñecemento e sen rigor". Fixo un repaso a diversas actuacións realizadas en Monte Porreiro durante os úlitmos anos. "De premisas falsas a conclusións falsas", expuxo o concelleiro de Obras e Mobilidade. Acusou a Domínguez de ir cambiando a petición de investimento nesta zona "dependendo da campaña electoral".
Pola súa banda, Iván Puentes, que se estreaba como portavoz do grupo socialista, tamén fixo referencia ao millón de euros investidos en Monte Porreiro nestes últimos anos tanto en materia de infraestruturas como en servizos sociais.coa contratación dunha segunda traballadora social.
Domínguez na réplica sinalou que "se gastaron ese diñeiro, tirárono" insistindo en que o goberno local ha castigado a Monte Porreiro "porque se rebelou". Finalmente a moción foi rexeitada por 14 votos en contra do BNG e do PSOE, unha abstención do concelleiro non adscrito e os oito votos favorables do PP.
Por outra banda, aprobábase a proposta de Goyo Revenga, edil non adscrito, para adaptar a rede semafónica de Pontevedra con sistemas de son que permitan a mobilidade das persoas con discapacidade visual e, ao mesmo tempo, que non molesten ás persoas residentes. O concelleiro Demetrio Gómez afirmou que estaban en conversacións coa ONCE. Trátase dunha fórmula na que as persoas con problemas de visibilidade poderán utilizar un dispositivo para activar o son dos semáforos.
O pleno pechábase cun momento de tensión no apartado de Rogos, cando o portavoz popular Rafa Domínguez reclamaba melloras na iluminación da cidade xa que os populares recibiron queixas pola sensación de inseguridade que provoca e tamén demandou que se apagase xa a iluminación do Nadal que aínda permanece nalgúns puntos do centro urbano.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores respondeu que agradecía o ton simpático do representante do PP cando habitualmente era "moi cansino", palabras que molestaron a Domínguez entendendo que se trataba dunha falta de respecto. Finalmente, o rexedor explicou que o goberno local está a traballar para tentar resolver os problemas lumínicos pero afirmou que hai cadros eléctricos obsoletos e problemas con empreesas subministradoras de transformadores.
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez propón que o Hospital Provincial se destine a usos universitarios
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PP pedirá no pleno un investimento de cinco millóns de euros para melloras en Monte Porreiro
Por Anxo Lourido |
-
A cidade di adeus á súa iluminación de Nadal máis concienciada e polémica
Por Natalia Puga |