Os sucesos máis mediáticos de España chegan a Amazon Prime coa docuserie creada polo pontevedrés Alberto Arruty
Por Almu Dapena
O pontevedrés Alberto Arruty (Operación Marea Negra) estrea este venres 20 de xaneiro unha nova serie documental en Amazon Prime titulada Una historia de crímenes, da que é o seu creador. Está dirixida por Jorge Cassinello (Hospital Real, Entre Pipas) e Fran X Rodríguez (Hierro, Operación Marea Negra).
Ao longo de seis episodios de 50 minutos cada un, a serie analiza en profundidade os crimes máis mediáticos ocorridos en España xunto aos expertos invitados Manuel Marlasca, xornalista de investigación especializado; Miguel Lorente, experto criminólogo, e Patricia Abet, xornalista de sucesos criminais en Galicia, que tentarán esclarecer as posibles razóns que levaron aos asasinos para cometer estes delitos. Os capítulos tamén están apoiados en testemuños de familiares, mensaxes de vítimas, documentación gráfica, informes policiais e gravacións do xuízo.
Os capítulos máis rechamantes son 'O crime máis atroz', onde os expertos analizan os crimes de pais que acabaron coa vida dos seus fillos como 'o caso Bretón', 'a parricida de Menorca' ou o asasinato da pequena Desiree; e 'Prisión Permanente Revisable', pena máxima privativa de libertada en España que se aprobou en 2015 tras o asasinato que cometeu o Chicle. Precisamente o de Diana Quer é un dos crimes que se analizan nun dos episodios xunto co do pequeno Gabriel a mans de Ana Julia Quezada, parella sentimental do seu pai e primeira muller condenada a esta pena.
'No robarás' céntrase en roubos do noso país que acabaron coa vida dalgunhas persoas, como o da 'virxe de cristal' e o asasinato do párroco de Vilanova dos Infantes, ou 'El solitario', que percorreu pobos durante 15 anos atracando bancos e matando a 3 persoas.
O satanismo, as supersticiones, o amor posesivo, os celos ou os malos tratos non quedan ao carón nesta serie. Con 'En el nombre del padre' e 'Hasta que la muerte nos separe', 'Una historia de crímenes' profunda no caso de Enriqueta Martí, a Vampira de Barcelona, que secuestraba e mataba nenos para comerciar coa súa graxa ou pelo a finais do século; ou o crime da Viúva Negra de Patraix, condenada polo asasinato da súa parella.
Por último, nos tempos que corren non podía quedar atrás Internet e os segredos que oculta, por iso a serie centrará o seu capítulo 'Tras la máscara de Internet' en debullar o abuso infantil ou o ciberacoso a través da historia da Banda de Badoo ou o acoso que sufriu Nieves, a moza de 20 anos que se suicidou tras sufrir seis meses de calvario.
Os encargados do guion desta docuserie son o pontevedrés Arruty xunto a Marcos Nine, os produtores executivos Mamen Quintas e Julio Casal e a produción corre a cargo de Ficción Producións e Forta, A Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos, con Televisión de Galicia (TVG) á cabeza.
Relacionadas:
-
A provincia preséntase en FITUR como escenario para rodaxes cinematográficas
Por Redacción |
-
Aura Garrido, ante a estrea de Un asunto privado: "É parecida ás películas de aventuras clásicas"
Por Alejandro Espiño |
-
Así é "Operación Marea Negra", a serie sobre o 'narcosubmarino' que Amazon estrea en febreiro
Por Alejandro Espiño |