O IES Ponte Caldelas recibe o premio INNOVAGAL de innovación educativa por 'Da terra á nube: O Monte Vivo'
Por Redacción
O premio INNOVAGAL deste ano é para o IES de Ponte Caldelas polo seu proxecto 'Da terra á nube: O Monte Vivo'. O certame, convocado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades premia a traxectoria de compromiso dos centros coa innovación educativa.
A obra deste instituto recolle varios proxectos relacionados entre si e coa contorna na que se atopa, como poden ser Proxecto Terra, Proxecto Ríos, Paisaxe e Sustantibilidade, un claro exemplo desa andaina de compromiso que ten sido recoñecida e premiada en anteriores ocasións.
Desde hai uns anos, 'Monte Vivo' é o eixo que artella os proxectos de innovación e parte da resposta da comunidade educativa de Ponte Caldelas logo da devastadora vaga de incendios que chegou ás portas do instituto no ano 2017. Consiste na recuperación e coidado do terreo que rodea ao instituto, propiedade da Comunidade de Montes Veciñais de Cuñas e con quen se ten asinado un innovador contrato de custodia.
Neste proxecto colabora tamén a CFEA de Lourizán, que proporciona experiencia e dirección técnica, e coa que se realizan labores de limpeza e plantación todos os cursos a partir de equipos integrados por alumnado de ambos os dous centros. O proxecto ábrese tamén á participación da asociación ecoloxista local A Rente do Chan, que ofrece a posibilidade de realizar actividades de voluntariado.
'Monte Vivo' está dentro da programación curricular do centro e conta con 'Voz Natura: Os Meandros do Verdugo', programa realizado no curso 2021-2022, e tamén 'Polo río vai e vén: Tras as pegadas do volframio', do mesmo ano. Os resultados da investigación os trasladaron ao IES de Soutomaior, o que permitiu compartir procesos entre o alumnado de ambos centros. Esta colaboración recibiu o premio en innovación educativa en dinamización lingüística pola Xunta de Galicia.
O alumnado tamén abordou a labor de investigación co proxecto 'Patrimoni...ando', onde as familias convértense en fontes de información, favorecendo así un diálogo interxeracional que fomenta a súa implicación no proceso educativo.
Estas actividades mereceron o premio da 'Escola Viva' en innovación educativa e buscan a sensibilización do alumnado cara á riqueza natural, etnográfica e patrimonial da contorna en que vive, así como a creación dunha conciencia cidadá crítica e participativa.
En todos eles, o claustro do IES de Ponte Caldelas busca converter o alumnado en motor activo da súa aprendizaxe utilizando metodoloxías innovadoras que conxugan o proceso de investigación coa utilización das TIC como ferramenta básica de elaboración de produtos creativos que logo serán divulgados entre a comunidade educativa.