O PSOE modifica a súa moción sobre o tráfico na Barca tras chegar a un acordo co BNG
Por Oskar Viéitez
Un caneo inesperado deixou o Partido Popular fora de xogo. Antes do Pleno a moción socialista sobre A Barca que ía provocar unha pinza política entre o PP e o PSOE foi substituída por un texto alternativo acordado con urxencia polos socios de goberno.
"Nos están dando gato por liebre", reprochoulles o voceiro dos populares, Jacobo Moreira.
"Froito da moción que presentou o PSOE mantivemos o diálogo e no caso concreto do BNG chegamos a un acordo transaccional entre a moción e outro texto que presentaba o BNG", xustificou Antón Louro ao presentar o novo texto.
Respecto á súa redacción orixinal o novo texto elimina as críticas por "improvisación" ao concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, e engade "valorar positivamente a decisión adoptada de apertura ao tráfico da ponte".
Mantense a proposta de redacción de estudos de tráfico complementarios ao do ano 2011 e inclúe á Deputación para "comprometer a colaboración" para "remover ás dificultades que existen á mobilidade peonil entre a ponte das Correntes e a zona inmediata da Comandancia da Garda Civil".
Ademais ínstase á Xunta a que en prazo non superior a tres meses "confirme a súa disposición a presentar posibles actuacións de mellora da mobilidade peonil e ciclista entre Pontevedra e Poio".
"A ponte e competencia da Xunta, ten problemas de tráfico e seguridade vial e polo tanto a administración autonómica ten que tomar medidas e achegar solucións", engadiu Louro que insistiu en dar traslado da moción "ao Concello de Poio para que nun marco de lealtade e cooperación institucional busquemos solucións comúns".
Louro pediu ao Partido Popular que se poña en positivo, "é o momento de facelo, hai razóns, sumando todos os votos seremos capaces de falar mellor coas outras administracións e influír máis".
Non obstante Moreira esixiu que a "descafeinada" moción incluíse outros dous puntos: "Pido, en primer lugar, que pidan perdón", dixo dirixíndose ao alcalde e a César Mosquera, ás que responsabilizou de todas as "tropelías y gamberradas" cometidas con veciños e comerciantes da Barca, e dos concellos de Poio e Sanxenxo. Ademais esixiu que a moción restitúa o tráfico no ámbito da Barca "en las mismas condiciones que antes del cierre del puente, esto incluye Alfonso XIII".
Antón Louro respondeu de xeito contundente ao xefe da oposición "señor Moreira vostede é o que ten que pedir perdón pero non ten nin coraxe nin vontade politica de pedir perdón. Vostede viu neste conflito unha oportunidade para instrumentalizalo e gañar catro votos máis", e engadiu que "a moitos veciños molestoulles que vostede fora por alí en plan carroñero a ver se podía gañar algo por alí".
Neste punto sumáronse as críticas de César Mosquera que acusou ao grupo popular de defender "aos infractores" e preguntou "é un castigo ou unha represalia aparcar os coche en batería e quitar a dobre fila?" e apuntou que "se quixeramos recadar ou castigar poderíanse inchar a poñer multas pola dobre fila".
"O noso pacto segue enriba da mesa", dixo Moreira aos socialistas na súa última intervención, "saiba para sempre, que en canto sexamos goberno de Pontevedra seremos leais con ese goberno. Con voz propia", respondeulle Louro.
Dito isto aprobouse a moción cos votos a favor de PSOE e BNG, e o voto en contra do PP.