A nova Ordenanza Reguladora de Venda Ambulante, a debate na Xunta de Goberno do luns
Por Almu Dapena
Onde instalar a feira ambulante de Pontevedra segue a ser unha incógnita, por iso a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, levará o vindeiro luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación a nova Ordenanza Reguladora de Venda Ambulante.
"O regulamento vixente, que foi aprobado polo Pleno o 17 de xaneiro de 1997, quedou moi obsoleto, polo que esta renovación normativa resulta esencial para regular o actual contexto", explicou a socialista, que considera conveniente impulsar unha nova regulación para dar resposta aos problemas de interpretación da vella normativa.
Entre as novidades introducidas inclúen a admisión dos cambios de titularidade dos postos, que deixarán de ser persoais e intransferibles, e a eliminación dos anteriores criterios de adxudicación baseados na antigüidade reiterada e pasarán a aplicarse en rexime de concorrencia competitiva.
Outra das alternativas que quere impulsar o PSOE e o cambio de data da feria cando coincidía nun día festivo. Deste xeito, ata a data a norma indicaba que, en caso de coincidir nun día festivo, o mercadillo debía adiantarse ao día anterior, "pero coa nova Ordenanza Reguladora de Venda Ambulante será posible, en casos excepcionais debidamente xustificados, manter como xornada de feira o día festivo ou atrasar a celebración ao día posterior". Tamén regularán os produtos autorizados e prohibidos, establecendo cales se poderán vender nos mercados de antigüidades e segunda man.
Esta ordenanza foi elaborada tendo en conta as opinións da cidadanía e das organizacións cun trámite de consulta pública que se realizou durante o mes de abril do ano pasado para que as persoas interesadas e afectadas presentaran as súas propostas.
Nela, ademais, ofrece respostas a aspectos como pode ser a actualización do concepto xeral de venda ambulante, adaptándoo ás novas necesidades sociais; as normas de funcionamento; as relacións entre o Concello de Pontevedra e os titulares de postos; a delimitación dos posibles usos admisibles nos mercados ambulantes, e a regulación dun rexime sancionador, con específica tipificación de infraccións e sancións, e delimitación de competencias na materia.
Consideran os socialistas que os mercados de venda ambulante "deben ser entendidos hoxe en día como espazos públicos, xestionados directamente polo Concello, que integran a un colectivo de vendedores que comparten a utilización de instalacións de uso público".
Relacionadas:
-
O traslado do mercadillo ambulante "débese tratar con tranquilidade"
Por Oskar Viéitez |
-
Descartan Arcebispo Malvar para instalar a feira ambulante, agora estúdase a opción da Alameda
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A feira dos sábados di adeus ao Recinto, rumbo a Arcebispo Malvar?
Por Redacción & Cristina Saiz |