Folga indefinida en Bershka a partir do xoves polo peche das tendas de Pontevedra e Vilagarcía
Por Mónica Patxot & Redacción
As 56 traballadoras das catro tendas da cadea Bershka na provincia comezarán este xoves 26 de xaneiro unha folga indefinida para manifestar o seu rexeitamento á decisión do grupo Inditex de pechar as tendas de Pontevedra e Vilagarcía e centralizar a súa actividade comercial en dúas tendas en Vigo. O peche afecta a 21 traballadoras dos dous locais que pechan, pero á folga súmanse tamén o resto de compañeiras.
As tendas pecharán o día 30 de xaneiro dentro do plan de optimización das súas tendas físicas posto en marcha por Inditex no ano 2020, que incluía o peche de entre 1.000 e 1.200 establecementos en todo o mundo, entre 250 e 350 en España. Antes, esta semana, as traballadoras (son todas mulleres) intentarán facer forza para negociar unhas melloras condicións ante estes peches.
A empresa ofrece a súa recolocación, pero nunhas condicións que consideran que supoñen un retroceso nos seus dereitos laborais. A seis ofrécenlles colocarse en tendas do grupo de Pontevedra e Vilagarcía (3 en cada cidade) e ao resto trasladarse a Vigo cobrando un plus de transporte que aseguran que non lles cubre os gastos de desprazamento e tampouco lles permite medidas de conciliación entre a vida laboral e familiar.
Ademais da medida de presión da folga indefinida, o venres 27 teñen convocadas ás 20.30 horas unha manifestación entre o Hospital Provincial e a tenda de Benito Corbal en Pontevedra e unha concentración na Praza de Galicia de Vilagarcía.
O peche das tendas e a oferta de recolocación das traballadoras faise seguindo un acordo asinado entre os sindicatos CCOO e UGT e Inditex a nivel estatal que o sindicato CIG non acata. No comité de empresa de Bershka, as súas cinco delegadas sindicais son do sindicato nacionalista e non consideran válido este acordo asinado sen a presenza da súa central nas negociacións.
Transi Fernández, secretaria nacional da CIG-Servizos, e Diana Rodríguez, responsable comarcal da federación en Pontevedra, compareceron este luns en Pontevedra acompañadas de catro traballadoras que amosan o seu malestar pola situación xerada porque supón para estas empregadas de Bershka ou trasladarse a Vigo cambiando as súas condicións laborais ou ocupar algún posto noutra tenda do grupo (só para seis) en quendas de traballo que sempre son de tarde e non lles permiten conciliar.
Esas vacantes en Pontevedra e Vilagarcía vanse cubrir atendendo á antigüidade e, segundo denuncian as representantes de CIG, supoñen asumir xornadas de menos horas das que as traballadoras teñen por contrato na actualidade, ademais de perder dereitos que estas empregadas de Inditex lograron no ano 2017 despois dunha "dura" folga indefinida de nove días, a primeira convocada ao grupo multinacional na súa historia.
En Vigo si se manterían os números de horas e contratos, pero suporían uns desprazamentos que non lle permiten a conciliación. "Cun contrato de 24-25 horas por semana, é difícil poder facelo", explica Transi Fernández porque o plus de transporte que lles ofrecen sería sobre 90 euros ao mes desde Vilagarcía e 33 desde Pontevedra e, ademais, non poderían ir en tren porque, por exemplo, a tenda de Gran Vía en Vigo pecha ás 22.00 horas e o último tren que terían sería ás 21.30.
"Non é unha oferta de recolocación seria" sinala Diana Rodríguez, que engade que "non nos cremos que non existan postos de traballo para recolocalas a todas en Pontevedra e Vilagarcía" coa elevada taxa de eventualidade que ten a empresa.
"Non se dan conta de que detrás de cada número hai unha familia, a nosa vida, o noso futuro, unha estabilidade coa que contabamos"
Ademais, critican que non houbo un preaviso de 60 días ás traballadoras e que deixa situacións moi complicadas como, por exemplo, a de Rocío Pérez, traballadora de Vilagarcía con dúas fillas ao seu cargo á que só ofrecen contratos de tarde e menos de 40 horas. "As miñas fillas dependen do meu traballo, do meu salario", indica, e, con esas condicións, non podería mantelas nin conciliar.
"Non se dan conta de que detrás de cada número hai unha familia, a nosa vida, o noso futuro, unha estabilidade coa que contabamos", critican estas traballadoras.
As representantes de CIG insisten en que, no fondo, o que busca a empresa é forzar que as traballadoras opten por deixar a empresa a cambio dunha indemnización. De feito, segundo Transi Fernández, non é unha cuestión económica, xa que "Pontevedra é unha das tendas rendibles".
Segundo Diana Rodríguez, "vai conlevar perda de emprego. Cremos que o que están buscando é forzar a indemnización". Sinala tamén que para ter comité de empresa precisan 56 traballadoras e, coas que se recoloquen noutras marcas e as que acepten indemnización para deixar a empresa, pasarán de 56 a menos de 50 e deixarán de ter un comité que nos últimos anos demostrou ser moi forte. Estes peche, ademais, segundo indica Transi, coinciden coas eleccións sindicais.
Desde Inditex explican que o peche se enmarca no citado plan de optimización do espazo comercial e que se ofrece a recolocación.
Relacionadas:
-
Protesta polo despedimento dunha traballadora de Zara ao reincorporarse tras un ano de baixa
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
As traballadoras de Bershka logran a recolocación das afectadas polo peche das tendas de Pontevedra e Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |
-
Desconvocada a folga en Bershka
Por Redacción |
-
O goberno de Vilagarcía apoia as traballadoras da tenda de Bershka e pide a Inditex que reconsidere o peche
Por Redacción |
-
Protesta para reclamar unha "suba real" dos salarios do persoal do sector financeiro
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Domínguez pedirá no pleno un debate anual sobre o estado do municipio
Por Anxo Lourido |
-
Inditex pecha as súas tendas Bershka de Pontevedra e Vilagarcía e recoloca o persoal en Vigo
Por Natalia Puga & Manu Otero |