José María Corujo vence nas eleccións en AEMPE, marcadas pola polémica
Por Redacción & Mónica Patxot
José María Corujo continuará sendo presidente de AEMPE (Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa de Pontevedra) ao vencer nas eleccións celebradas este luns 23 de xaneiro, obtendo 86 votos fronte aos 47 obtidos pola outra candidatura encabezada por Eduardo Barros, vicepresidente en funcións da Cámara de Comercio, Vigo e Vilagarcía.
Precisamente, Eduardo Barros anuncia que impugnará o proceso electoral e denuncia irregularidades neste procedemento alegando que se tentou impedirlle que participase "utilizando accións clandestinas que buscaban dirixir o resultado electoral" e que "se pretendeu forzar ou, polo menos, inducir moi mediatizadamente o voto do elector nun claro exemplo de parcialidade e uso indebido das súas competencias" ao, segundo expón nun escrito, "impedir inscribir a unha lista de candidatos para eleccións, co obxecto de entorpecer a súa participación no proceso electoral".
Malia este enfrontamento, a xornada electoral transcorría sen incidencias na sede de AEMPE, situada en Virxe do Camiño.
Barros considera que non existiu transparencia electoral e, por este motivo, solicita a anulación das eleccións. Pola súa banda, José María Corujo entende que o procedemento seguiu os trámites establecidos ofrecendo todas as garantías á outra candidatura.
José María Corujo, empresario especializado en asesoría de transaccións inmobiliarias, asume o seu cuarto mandato á fronte de AEMPE, cargo que ostenta desde 2010. A súa intención é que ao longo dos próximos anos senten as bases para unha transición nesta asociación de fronte ao futuro e poñer en marcha iniciativas para facer fronte á situación de crise económica dentro do pequeno e mediano comercio.
Relacionadas:
-
Antonio Casal, Lucía Casal e Eduardo Barros, as caras pontevedresas na Cámara de Comercio
Por Redacción |
-
Comerciantes, hostaleiros e empresarios acudirán á inauguración do Nadal no mercado
Por Redacción |
-
Comerciantes, empresarios e oposición fan piña para reabrir Raíña Vitoria ao tráfico
Por Manu Otero |
-
A Cámara de Comercio, preocupada pola "inseguridad jurídica" de relevancia internacional que provoca o caso Ence
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |