Condenado a cinco anos de prisión un veciño de Bueu que tiña na casa droga valorada en 200.000 euros
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Cinco anos de prisión e o pago dunha multa de 150.000 euros. É a condena que deberá cumprir un veciño de Bueu que no ano 2021 foi detido e tiña no seu domicilio diversas cantidades de droga que, se se vendese por gramos, supoñería o ingreso de preto de 200.000 euros, en concreto, de 196.001,20. Son 170.072,05 euros en cocaína e 25.929,15 en resina de cánnabis.
O home, José Benigno P.G., sentou este martes no banco dos acusados da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, pero evitou a celebración do xuízo tras chegar a un acordo de conformidade coa Fiscalía.
O home recoñeceu que durante o ano 2021 se dedicaba á venda de substancias estupefacientes a terceiras persoas e que é autor dun delito contra a saúde pública, na súa modalidade de substancias que causan grave dano á saúde e de notoria importancia
O fiscal do caso, Alejandro Tuero, pedía inicialmente que o home fose condenado oito anos de prisión 8 anos de prisión e multa de 680.004,8 euros, pero esa pena viuse reducida ao aplicarse ao acusado dúas circunstancias atenuantes analóxicas da responsabilidade criminal, colaboración coa investigación e adicción ás drogas no momento en que sucederon os feitos.
O acordo tamén implica o comiso das substancias, o diñeiro e os efectos intervidos no seu domicilio, 6.000 euros en efectivo, un teléfono móbil, un cartafol con anotacións manuscritas de nomes e números, unha envasadora ao baleiro, bolsas de envasado ao baleiro e unha báscula de precisión.
O avogado defensor do acusado pediu que se suspenda a execución da pena e que o home, que está actualmente en prisión, poida saír en liberdade, ao alegar que tiña adicción ás drogas, pero actualmente está en proceso de deshabituación do consumo.
O fiscal considera que non cumpre os requisitos para a súa suspensión ordinaria, pero si para unha extraordinaria porque no momento dos feitos era consumidor de substancias estupefacientes, de modo que non se opoñerá a que poida recobrar a liberdade se se demostra que xa non é consumidor.
A presidenta do tribunal, Nélida Cid, decidirá sobre este particular á hora de executar a sentenza. De momento, o fallo xa é firme e traducirase en condena coa conformidade do acusado.