A Deputación fai un balance positivo da súa presencia en FITUR
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva fixo un balance positivo da presenza desta administración provincial en FITUR onde se lanzou a campaña "Orixe Rías Baixas", coa que a institución vai promover o destino Pontevedra Provincia ao longo do 2023.
"A nosa campaña non puido ter mellor acollida e unha vez máis a nosa presentación foi das máis seguidas no stand de Turespana con máis de medio millar de persoas presencialmente" e outras 1.500 seguindo o acto por internet, segundo informou a presidenta.
Amáis a Deputación de Pontevedra participou na Gala ‘Q de Calidade’ en Cibeles para recoller, entre outros, os distintivos para o Museo de Pontevedra, o primeiro de Galicia en acadar o galardón ‘Q de Calidade’ e o ‘S de sustentabilidade’. Así como ás oficinas da rede Info Rías Baixas e ao Castelo de Soutomaior que renovaron o distintivo ‘Q’ concedido polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).
Tamén "superou todas as nosas expectativas" a presentación da delegación pontevedresa en Fitur Screen amosando o potencial da provincia como plató de cinema, e a presentación en Fitur Sport do seu proxecto deportivo como caso de éxito con escenarios na provincia ideais para a práctica de disciplinas deportivas relacionadas coa auga e a montaña que se complementan cunha ampla oferta de experiencias e unha variada gastronomía.
A presidenta tamén mantivo reunións coa ministra de Turismo, Reyes Maroto; o presidente do ICTE Miguel Mirones, coa secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo; o presidente da Spain Film Commission, Carlos Rosado ou co presidente de Paradores, Pedro Saura, entre outras autoridades.
Carmela Silva tamén asinou co presidente de Renfe, Isaías Táboas un convenio de promoción para impulsar accións de marketing e comercialización da provincia nos AVE de Longa Distancia.
A delegación pontevedresa mantivo encontros con empresas do sector turístico provincial, estatal e internacional e con medios de comunicación, e "apoiamos presentacións de preto dunha vintena de destinos da provincia" e asistiron á presentación da Estratexia de Turismo Sostible Transfronteirizo España-Portugal impulsada polo Goberno de España.
A presidenta provincial informou que dende o 10 de xaneiro a campaña da Deputación "Orixe" recibiu 2,8 millóns de impactos nas redes e medios dixitais. Amais das principais plataformas da Deputación, Turismo Rías Baixas, Turespaña e a de Fitur. E desde o xoves 20 de xaneiro recibiron 1,7 millóns de impactos na rede e o hashtag #OrixeRíasBaixas sumou 4 millóns. O audiovisual acumula 43.000 visualizacións nas redes da Deputación.
Por último, anunciou que "a nosa campaña desenvolverase ao longo de todo o ano e chegará a todo o Estado por medios offline e online" e tamén cunha acción de márketing exterior en Madrid no vestíbulo da estación de metro de Nuevos Ministerios durante un mes.
XUNTA DE GOBERNO
Nesta comparecencia Carmela Silva tamén deu conta de varios asuntos tratados este martes na Xunta de Goberno Provincial como a aprobación de 380.000 euros en axudas para a contratación de persoal en oficinas adheridas á rede de Turismo Rías Baixas e outros 100.000 euros para entidades que impulsan actividades turísticas. "Facemos un grande esforzo para ter un turismo de calidade", dixo a presidenta.
Finalmente, anunciou que volven as visitas da camelia ao Castelo de Soutomaior, as visitas guiadas e as caracterizadas. Os martes e xoves ás 16:30 horas do 2 de febreiro ata o 30 de marzo. Tamén se organizarán 45 visitas con 900 prazas en total para coñecer o Xardín de Excelencia Internacional.
Relacionadas:
-
O PP afea a "falta de iniciativas turísticas" de Pontevedra e interésase pola súa presenza en Fitur en xaneiro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Cinco entidades de Marín, Poio e Pontevedra reciben 11.000 euros para realizar actividades turísticas
Por Redacción |
-
Baiuca e Fillas de Cassandra animarán a Gala Provincial de Turismo
-
O Museo de Pontevedra entra na "Champions dos museos"
Por Oskar Viéitez |
-
FITUR absorbe o orgullo da provincia de Pontevedra con 'Orixe Rías Baixas'
Por Redacción |
-
A provincia preséntase en FITUR como escenario para rodaxes cinematográficas
Por Redacción |