Piden a exclusión do colexio público pontevedrés Juan Sebastián Elcano da rede de escolas católicas
Por Redacción
A Federación de Administración do sindicato CIG presentou ante o Ministerio de Defensa e da delegación de Defensa en Galicia unha solicitude para que se exclúa ao centro educativo Juan Sebastián Elcano, antes coñecido como Salvador Moreno, da rede de escolas católicas.
A central sindical nacionalista lembra que se trata dun centro público finanaciado polo Estado e con persoal docente e laboral pertencente tamén ao Estado, depende do Ministerio de Defensa, tanto funcional como economicamente.
Segundo expón o sindicato que lidera Marcos Conde, secretario comarcal de Pontevedra, a clasificación do centro educativo Juan Sebastián Elcano como centro público atópase regulada no artigo 108 da LOE, que define a clasificación dos centros educativos e que no seu punto 2 sinala que son centros públicos aqueles cuxo titular sexa unha Administración pública".
Sosteñen desde a CIG que a LOE establece no seu artigo 115 a exclusividade para establecer o carácter propio do centro, unicamente aos centros privados. "Este centro educativo non pode estar nunha rede de centros de escolas católicas ao ser considerado para todos os efectos un centro de ensino público", segundo indica o sindicato.
Ante estas circunstancias, o sindicato demanda que se exclúa o centro educativo Juan Sebastián Elcano da rede de centros de escolas católicas e que se transfira a súa xestión á Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
O descenso da natalidade preocupa nos equipos directivos e ANPAS de Escolas Católicas de Pontevedra
Por Redacción |
-
Denuncian que no colexio 'Juan Sebastián Elcano' só ondea a bandeira de España e incúlcase "amor á patria e ás Forzas Armadas"
Por Redacción |
-
O colexio Salvador Moreno pasará a chamarse Juan Sebastián Elcano
Por Redacción |