O PP busca a complicidade do PSOE e BNG na Deputación ante os 27 proxectos da provincia excluídos dos fondos DUS 5000
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O grupo provincial do PP buscará o venres a complicade do Goberno Bipartito PSOE-BNG da Deputación de Pontevedra para reclamar todos xuntos ao Goberno central que amplíe os fondos do programa DUS 5000, que, con cargo aos fondos europeos post pandemia, ofrece axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico.
A petición parte da decisión de que 27 proxectos presentados desde a provincia de Pontevedra quedaron fóra da concesión de axudas destes fondos DUS 5000 porque se esgotaron os fondos. Para darlle oportunidades a estes proxectos, aspiran a que o Goberno central amplíe o crédito dispoñible.
O voceiro do PP na Deputación, Jorge Cubela, e a deputada Pepa Pardo compareceron este martes en rolda de prensa para explicar a súa reclamación, que levarán ao Pleno da Corporación previsto para este venres en forma de moción.
Cubela criticou que o Executivo central deixou sen fondos os proxectos presentados a partir do 2 de decembro de 2021 a pesar de que o prazo de presentación non rematou ata o 7 de novembro de 2022. "Mantiveron o prazo aberto durante once meses facendo perder o tempo, o traballo e o esforzo de centos de entidades locais para nada", critican.
Hai 27 solicitudes da provincia que quedaron en lista de espera, 22 presentadas por concellos e 6 pola propia Deputación. Hai mesmo concellos como Moraña ou Cerdedo-Cotobade que presentaron tres proxectos e quedaron todos fóra. Tampouco recibiron fondos dous presentados por Sanxenxo ou os presentados por A Illa de Arousa, Meis e Cuntis, municipios de distinto signo político.
O PP pretende que, con esta moción, se logre que os concellos obteñan fondos moi necesarios para proxectos de eficiencia enerxética, de fomento dos investimentos verdes e de autoconsumo e mobilidade sostible, e tamén que se recoñeza o traballo tan grande que fixeron os pequenos municipios da provincia.
Así, destaca o "gran esforzo realizado polos pequenos e medianos concellos" que teñen recursos moi limitados, pero lograron presentar estes proxectos demostrando "gran capacidade de xestión e iniciativa".
Sinala, ademais, que non só "o diñeiro non chegará finalmente a moitos concellos que o necesitan", senón que, previamente, xa asumiron un gasto para a súa redacción, contratando asesoramentos ou consultorías externas.
A pesar de que o BNG e o PSOE xa se amosaron contrarios a esta moción durante a última comisión informativa, Cubela confía en que no Pleno teña o apoio unánime de todos os grupos, pois "se queremos defender aos nosos concellos, o noso territorio e a autonomía local, é fundamental que esta moción saia adiante".
Cubela pregúntase "de que vale falar de fondos europeos si finalmente non chegan a todo o territorio, de que vale falar de fondos europeos si non chegan a quen máis o necesitan".
Ademais, considera que non se trata dunha moción partidista, senón que é "construtiva" e "engloba a vontade de todos os concellos que presentaron iniciativa".
Así, pide ao PSOE e ao BNG que "antepoñan os intereses da provincia e dos concellos" aos do Goberno central socialista.
Aos integrantes do PSOE pídelles que "deixe de priorizar o seu interese partidista" e ao BNG que rache coa dinámica de "apoiar a cegas" ao PSOE. "Na Deputación son as marionetas dos socialistas. Debeu de ser un dos acordos ocultos do pacto do Bipartito", engadiu Cubela.