Belén Rubido, reelixida decana dos xuíces de Pontevedra para un segundo mandato
Por Natalia Puga
A maxistrada Belén Rubido de la Torre afrontará o seu segundo mandato como xuíza decana de Pontevedra, cargo que ocupa desde o ano 2018 en representación de todas as xuízas e xuíces do partido xudicial.
Rubido foi elixida de novo para o cargo nunha xunta de xuíces celebrada este martes con 16 votos a favor e tres en branco, tal e como deu a coñecer o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Neste segundo mandato, márcase como obxectivos concluír a modernización do edificio xudicial da Parda, recortar os tempos de espera dos informes forenses do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e poñer en funcionamento un servizo común de videoconferencias.
Licenciada en Dereito pola Universidade de Valladolid, Rubido de la Torre ingresou na carreira xudicial no ano 2000 e empezou a súa traxectoria como titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Vilagarcía de Arousa.
En 2005, ao ascender á categoría de maxistrada, incorporouse ao Xulgado de Instrución número 4 de Vigo, onde permaneceu ata o ano 2015, cando se trasladou ao Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra, especializado en Violencia sobre a Muller e Violencia Doméstica, onde permanece na actualidade. Durante os anos 2018 e 2019 tamén exerceu como maxistrada en réxime de comisión de servizos sen relevación de funcións nas seccións segunda e quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra.
En 2006 o Ministerio do Interior concedeulle a Cruz Branca ao Mérito Policial pola colaboración prestada ao Corpo Nacional de Policía e é moi activa na realización de conferencias e redacción de artigos de temática especializada en violencia de xénero e igualdade.
En cinco das súas edicións, exerceu como coordinadora-titora do Foro de Igualdade na Carreira Xudicial e o TSXG designouna delegada de Igualdade suplente da carreira xudicial para xuíces e maxistrados da comunidade autónoma.