Un photocall para o despegue do 50 aniversario da UNED
Por Redacción
O Centro Asociado da UNED en Pontevedra pon en marcha estes días unha orixinal campaña de márketing coincidindo coa celebración do cincuenta aniversario da fundación deste centro universitario na cidade.
Esta acción promocional virará ao redor dun “photocall” instalado no vestíbulo onde figuran impresas unhas ás de enorme tamaño onde o alumno que o desexe pode facerse unha foto para compartir nas súas redes sociais ou cos seus amigos.
A intención da dirección do centro universitario é ofrecer unha imaxe aberta e próxima á mocidade e compartir coas novas xeracións toda unha serie de valores e mensaxes relacionados coas posibilidades que ofrece a UNED como ferramenta de acceso ao coñecemento, superación persoal e cualificación para abrirse paso na sociedade e no mundo laboral.
Segundo Rafael Cotelo Pazos, coordinador de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, “a acción é un tanto atrevida, pero pretende tamén desmitificar vellos conceptos e estereotipos creados ao redor da UNED á vez que abre a un público novo, desenfadado e creativo todo un mundo de posibilidades que ofrece a UNED. Aproveitando esta imaxe de dúas grandes ás, permitiranos facer unha campaña de márketing interactiva e participativa". Engade Cotelo que "o alumnado terá un papel fundamental porque, precisamente dándolle ás á súa imaxinación vai a catapultar e multiplicar a imaxe da UNED ata niveis inimaxinables”.
"Ao ver esa imaxe, un pode quedar con moitas mensaxes positivas: A UNED dáche ás, facer voar a túa imaxinación, é o impulso que necesitas para alcanzar as túas metas, mil e unha combinacións, todas positivas, que esperamos que o alumnado nos axude a explotar", argumenta o coordinador.
O “photocall” estará dispoñible ao longo de todo este curso no “hall” de entrada da UNED no seu centro de Monte Porreiro e a idea é que poida mesmo desprazarse e trasladarse a calquera espazo que o alumnado decida para poder ampliar a operatividade desta campaña.
Relacionadas:
-
A sección sénior chega á aula da UNED en Portas
Por Redacción |
-
A UNED fará unha incursión no mundo das bruxas, mouras, feitizos e males de ollo
Por Redacción |
-
A UNED organiza un curso para aprender a escribir guións de cinema
Por Redacción |
-
Unha maxistrada especializada en violencia sobre a muller, un fiscal xefe e unha avogada participan nun coloquio sobre a Lei do "Só si é si" na UNED
Por Redacción |