Pontevedra mantivo o pasado ano o número de casos de violencia de Xénero segundo a Memoria de actuacións da Policía Local
Por Oskar Viéitez
"Queda moito traballo por facer", sinalou este mércores a concelleira de Protección e Seguridade Cidadá do Concello de Pontevedra, Eva Vilaverde, nunha comparecencia ante os medios de comunicación para presentar a Memoria de actuacións da Policía Local sobre Violencia de Xénero durante o pasado ano 2022.
"O balance non pode ser bo porque nos mantemos nos niveis do ano pasado" avaliou a edil en referencia ás 31 intervencións por este delito rexistradas en 2022 que supoñen un atestado menos que en 2021. Non se inclúen, por tanto as actuacións levadas a cabo polo Corpo Nacional de Policía.
Desas 31 intervencións, 16 acabaron con detidos e as outras 15 con persoas investigadas, das que dez o foron por quebrantamentos de ordes de afastamento e as outras cinco por malos tratos.
O 44% dos agresores detectados pola Policía Local de Pontevedra está entre os 25 e os 35 anos de idade.
En canto ao tipo de actuacións que fai a Policía Local, Eva Villaverde destacou o "seguimento contínuo" que fan os axentes municipais de cada caso que inclúen a protección ou o acompañamento da vítima e o control sobre o agresor e a súa contorna.
A Memoria recolle que durante o pasado ano fixéronse 578 contactos telefónicos (115 máis que no 2021), e realizáronse 231 valoracións (27 máis que no 2021).
A día de hoxe, en Pontevedra a Policía Local ten 15 vítimas en protección, das que 2 están valoradas con risco medio, 9 con risco baixo, en 4 casos non se aprecia risco e as outras 7 están sen valorar aínda.
Durante o ano pasado foron 47 as vítimas por violencia de xénero con protección xudicial prestada pola Policía Local de Pontevedra o que supón 5 máis que no ano 2021.
Outro dato que reflicte esta Memoria é que a central da Xefatura deste corpo de seguridade municipal recibiu durante o pasado ano 137 chamadas telefónicas relacionadas con posibles delitos de violencia de xénero o que supón, entre outras cousas, a apertura do correspondente expediente por parte da Policía Local que logo se deriva ao Centro de Atención á Muller (CIM) e tamén á Policía Nacional.
Desas 137 chamadas o 85% son intervencións sen consecuencia penal pero o 15% restante terminan en dilixencias no xulgado por un presunto delito de violencia de xénero.
Eva Vilaverde destacou que deste 15% de chamadas que derivan en dilixencias penais o 28,6% (6 avisos) foron chamadas dos veciños próximos; o 47,6% (10 avisos) foron alertas cidadás na propia rúa; o 19% (4 avisos) procederon das propias vítimas e houbo unha actuación que directamente foi advertida polos propios axentes municipais.
"Grazas á colaboración cidadá detectáronse moitas situacións de risco que podían ser posibles agresións", recalcou Eva Vilaverde que aprecia neste dato unha "progresiva concienciación cidadá da que hai que congratularse e que fai que se freen as agresións".
Relacionadas:
-
Un cento de condutores acabaron no xulgado en 2022 por alcoholemia positiva
Por Natalia Puga |
-
Carmela Silva reclama renovar o Pacto de Estado contra a violencia machista e "darlle as costas" a partidos "negacionistas"
Por Alejandro Espiño |
-
Un ano de prisión para un maltratador con orde de afastamento que seguiu residindo coa súa vítima ata que a Policía o detivo
Por Natalia Puga |
-
A violencia de xénero, a ciberdelincuencia, o crime organizado ou ter máis policías nas rúas, "obxectivos prioritarios" para o novo comisario
Por Alejandro Espiño |