O PP de Poio adianta como será o Nadal se goberna no Concello
Por Oskar Viéitez
O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Poio, Ángel Moldes, presentou a súa proposta electoral para o vindeiro Nadal, "que comezaría a aplicarse se os veciños lle outorgan a súa confianza nas eleccións municipais de maio".
O proxecto, denominado "Aldeas de Nadal", comprende un conxunto de actuacións en cada parroquia, con decorados, alumeado e actividades específicas a cada lugar co obxectivo de "devolver a ilusión das Festas e dinamizar o comercio e a hostelería".
"Queremos revertir a realidade destes últimos 28 anos onde os veciños se desprazan para desfrutar da decoración, a iluminación ou as cabalgatas de Reis de concellos veciños", dixo o candidato dos populares.
Moldes propón "recuperar a tradicional cabalgata de Reis", a organización de actividades itinerantes ou "un Mercado de Nadal no que poida participar o comercio local".
O PP presentou unhas infografías que recollen a súa promesa electoral.
Na parroquia de San Salvador inclúe alumeado na igrexa, o Pazo Besada e os parques de Ferreirós. Ademais, en Lourido, instalaríase unha "Aldea de Nadal" que sería "espectacular", explicou Moldes. En San Xoán habería un decorado e alumeado específico no Mosteiro e a Casa do Concello, ademáis da iluminación da igrexa de San Martiño e as prazas en distintos luigares da parroquia. En Campelo iría unha "Aldea de Nadal" na Praza da Granxa, con actividades e unha decoración propia, e na Seca se instalaría unha carpa con actividades e unha zona exterior de atraccións.
En Combarro, instalaríase un alumeado específico para o conxunto histórico e unha "Aldea de Nadal" na praza de Chousa con casetas, árbores, un pequeno lago e outros elementos que permitan interactuar aos máis pequenos.
En Samieira, tanto a praza Alfredo Romay como a Ruta dos Muíños terían unha decoración específica e con caracter propio.
Finalmente, en Raxó, ademáis do alumeado en distintos lugares da parroquia, o PP sitúa outra "Aldea de Nadal" con actividades e decoración específicas no Porto.