Jorge Cubela dá explicacións sobre os seus intentos para solucionar a falta de médico no centro de saúde de Cerdedo
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, recibiu este mércores a representantes da Plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública e trasladoulles información sobre as xestións, trámites e presións realizadas diante das autoridades sanitarias co fin de buscar unha alternativa satisfactoria ante as continuas ausencias do médico do centro de saúde ao facer efectivas de xeito reiterado as horas ás que ten dereito por ser representante sindical.
Ante este problema, Jorge Cubela explicoulles que, cando se produciran estas ausencias, se conseguira do Sergas a apertura dunha quenda pola tarde para que os pacientes do médico que é representante sindical poideran ser atendidos.
Ademais, o rexedor reiterou diante dos membros da Plataforma os esforzos que se están a levar desde o Concello para reclamar a recuperación do horario pediátrico no centro de saúde de Cerdedo.
Por outra banda, a Plataforma trasladoulle ao alcalde as súas queixas pola situación que estaba a provocar a ausencia do médico que é representante sindical e tamén reclamaron maior atención presencial dos facultativos, recuperar o servizo de matrona, que agora se presta en Forcarei dous días á semana, mellorar o servizo de recollida en taxi dos médicos que realizan visitas domiciliarias e pediron unha ambulancia medicalizada para Cerdedo.
Jorge Cubela manifestoulles o seu compromiso coa sanidade pública e trasladoulle as dificultades para dispoñer de máis médicos e pediatras pola falta de profesionais ao tempo que lles recordou que é competencia do Ministerio de Sanidade de abrir e ampliar o cupo formativo de médicos e do MIR para poder paliar as carencias que se están detectando desde hai tempo.
O popular díxolles que seguiría facendo xestións ante o Sergas para mellorar a atención sanitaria en Cerdedo e tamén en todo o concello porque era un dos seus “compromisos irrenunciables e polos que levo tempo traballando dentro das posibilidades reais coas que nos enfrontamos. Non descoidamos nin escatimamos un so esforzo para buscar solucións a un problema que afecta non só a toda Galicia senón a toda España”, rematou o alcalde.
Pola súa banda, os representantes da plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública sinalaron que "a xuntanza mantida hoxe serviu, polo tanto, para que o goberno municipal coñeza de primeira man as nosas demandas básicas: a garantía de atencion médica todos os días no horario normal de mañá, recuperando plenamente o nivel de atención presencial previo á Covid 19; a recuperación do servizo de Pediatría e de Matrona en Cerdedo; a mellora do servizo de transporte dos/as médicos/as a domicilio en caso de urxencia; ou a consecución dunha ambulancia medicalizada para a nosa zona".
Esta Plataforma participará na manifestación galega en defensa da sanidade pública que terá lugar o próximo 12 de febreiro en Compostela, mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública á que recentemente se incorporou este colectivo que leva recollidas 1.250 asinaturas en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular impulsada por SOS Sanidade Pública en defensa do sistema sanitario público galego, unha iniciativa na que contaron co apoio das farmacias de Cerdedo, Soutelo e Forcarei e de diferentes negocios locais.
Relacionadas:
-
O Sergas ultima o servizo de pediatría en Cerdedo-Cotobade, con consulta dúas tardes á semana
Por Redacción |
-
Alertan da "situación crítica" en Cerdedo-Cotobade, sen medicina de familia nin pediatría en agosto
Por Redacción |
-
Denuncian que a "precariedade" do servizo de Pediatría en Cerdedo, Forcarei e Tenorio "agravouse" nas últimas semanas
Por Redacción |
-
Sanidade estuda que a atención médica en Cerdedo sexa polas tardes
Por Redacción |