Tenso debate en Cerdedo-Cotobade para aprobar un orzamento récord para 2023
Por Redacción
O orzamento municipal de Cerdedo-Cotobade para o ano 2023 ascenderá a case 4,4 millóns de euros, unhas contas "históricas", segundo o alcalde Jorge Cubela, que suporán un incremento duns 157.000 euros máis con respecto ao ano pasado.
Cubela destacou que este orzamento permitirá destinar máis cartos a servizos sociais, a acometer investimentos e a seguir atendendo "como se merecen" ás entidades veciñais, culturais e deportivas, colectivos sociais e ao movemento asociativo de todo o concello.
Engadiu que se trata dun documento "equilibrado, realista e que atende ás necesidades da veciñanza", reservando case un de cada tres euros para políticas sociais.
No capítulo de investimentos propios recóllense inicialmente 750.000 euros para cubrir a achega municipal necesaria para construír a residencia e o centro de día de Carballedo.
O orzamento réxese ademais, reivindicou o alcalde, por manter a "débeda cero" e por ter unhas contas totalmente saneadas e con autosuficiencia económica, o que permite que continúen conxeladas un ano máis todas as taxas municipais vixentes.
As contas para 2023 só contaron co voto favorable dos edís do PP, xa que o concelleiro do BNG votou en contra e os socialistas decidiron abandonar a sesión plenaria tras acusar a Jorge Cubela de ter "reiteradas faltas de respecto" coa oposición.
Entre as ofensas, o PSdeG-PSOE denuncia "constantes alusións despectivas" á súa vida persoal e familiar ou á súa formación académica. Ademais, censuran que o alcalde "manipule datos" e emita "acusacións falsas" sobre os seus edís.
Para Cubela, con todo, esta actitude é un "teatrillo" para "facer barullo" ante as eleccións.
Ernesto Filgueira, pola súa banda, argumentou o seu rexeitamento aos orzamentos para 2023 asegurando que son "ineficaces, ficticios e faltos de compromiso social e ambiental" e que retratan a un concello "sen norte", demostrando que "é necesario un cambio".