Unha homenaxe para conmemorar o 170 aniversario do nacemento de José Martí e "estreitar lazos entre o pobo galego e o cubano"
Por Redacción
A concelleira Anabel Gulías xunto coa presidenta da Asociación Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, Erea do Río, presentaron este venres a actividade-homenaxe ao 170 aniversario do nacemento do político José Martí, fundador do Partido Revolucionario Cubano e organizador da Guerra de Independencia de Cuba.
O acto desenvolverase este sábado 28 de xaneiro ás 12:00 horas diante do monumento dedicado ao político situado na praza que leva o seu nome, ao final da rúa Santa Clara con Cobián Roffignac.
"É incrible como ás veces esquecemos a grandes pensadores políticos de todos os tempos ou como intencionadamente algúns quedan no olvido", criticou Gulías durante a presentación. Por iso, "parécenos de xustiza colaborar coa Asociación Amizade para organizar esta homenaxe" e así manter estas actividades de difusión que xa se organizaron en diferentes cidades.
No caso de Pontevedra, o acto consistirá nas intervencións da Cónsul de Cuba en Galicia, Annabel Lafargue Wilmoth e as lecturas poéticas por parte de Charo Lopes e Xosé María Álvarez Cáccamo co fin de "estreitar lazos entre o pobo galego e o cubano". A actividade concluirá cunha ofrenda floral a José Martí e unha actuación dos Gaiteiros das Rías Baixas.
Doutra banda, Erea do Río engadiu que a Asociación vai cumprir 40 anos de existencia e ten un local en Vigo que comparten coa Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez e a Asemblea Republicana, cunha biblioteca que "estamos poñendo en liña e que queremos que se converta na casa dos pobos" onde a xente nova poida "traballar e investigar, facer intercambios e reactivar as teses e doutorados nas universidades cubanas e galegas" e, nalgún momento, facer unha substitución xeracional.