O Pleno da Deputación acorda ampliar ata fin de ano o prazo das obras do Plan Reacpon
Por Oskar Viéitez
O Pleno da Deputación provincial de Pontevedra aprobou este venres, por unanimidade, unha ampliación de 8 meses no prazo de execución do plan ReacPon (Reacciona Pontevedra) para financiar grandes equipamentos e dotacións municipais. Un plan que está a mobilizar un total de 40 millóns de euros.
Este prazo estaba fixado nas bases no próximo 30 de abril e agora prolóngase ata ao 31 de decembro, dando así as "máximas facilidades" para que as obras cheguen a bo porto atendendo ás peticións formuladas por algúns concellos co obxectivo, como remarcou o deputado de Cooperación, Santos Héctor, de que "non se perda un só euro en ningún concello".
A decisión xustificouse por circunstancias como o incremento xeneralizado dos prezos, pola falta de materiais e as inclemencias meteorolóxicas que ralentizaron varias das actuacións nestes últimos meses.
INUNDACIÓNS
No Pleno viviuse tamén unha situación curiosa coa rectificación no último momento do grupo provincial do Partido Popular que, a preguntas da presidenta Carmela Silva, despois de ter votado en contra do acordo durante a mesma sesión plenaria finalmente apoiou a proposta de repartir axudas complementarias polas inundacións de decembro e neste mes de xaneiro.
O Partido Socialista e o BNG lembraron que a concesión destas axudas é de competencia exclusiva da Xunta de Galicia pero a Deputación "que carece absolutamente de competencia algunha para atender os danos causados por emerxencias" porá en marcha un Plan Complementario de axudas sempre que a Xunta declare a Emerxencia de Interese Galego e aprobe o Decreto co ámbito afectado e as indemnizacións autonómicas.
Os populares rexeitaban inicialmente a proposta dos grupos do Goberno provincial porque condicionaban esas axudas a un convenio entre a Xunta, o Estado e a Deputación.
Por outra banda, o Pleno rexeitou unha moción do PP para incrementar a dotación e medios da Garda Civil no rural da provincia e outra moción dos conservadores para demandar ao Goberno do Estado o incremento dos fondos europeos DUS5000 para atender todas as solicitudes dos concellos que foron desestimadas.
Relacionadas:
-
PON 2030, o novo plan da Deputación para "dotar de recursos extraordinarios aos concellos"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide máis medios e axentes da Garda Civil nas zonas rurais ante o aumento dos robos
Por Redacción |
-
O PP busca a complicidade do PSOE e BNG na Deputación ante os 27 proxectos da provincia excluídos dos fondos DUS 5000
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |