Seis parcelas edificables, zonas verdes e unha pista polideportiva: o proxecto de futuro para a Finca do Teucro
Por Alejandro Espiño
A antiga Finca do Teucro, entre Arcebispo Malvar e a Avenida de Uruguai, parece espertar do seu letargo. Tres anos despois dos últimos trámites realizados para reconverter este espazo nunha nova área residencial, os seus promotores están decididos a impulsar o proxecto.
Así o desvelou este luns a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, que celebra o "paso adiante" que deu a SAREB, a sociedade creada para xestionar e vender os activos problemáticos das entidades financeiras que recibiron axudas públicas.
Presentaron ante o Concello o proxecto para urbanizar as zonas verdes e os espazos públicos comúns que acompañarán a esta iniciativa inmobiliaria, un trámite ao que estaban obrigados antes de solicitar as respectivas licenzas urbanísticas.
Pontevedra gañará 3.070 metros cadrados de zona verde "no corazón da cidade", segundo destacou Gulías, que explicou que o proxecto inclúe como equipamentos públicos unha pista polideportiva e unha nova praza como espazo de convivencia.
Ademais, os viais perimetrais que vertebrarán toda a Finca do Teucro supoñerán outros 4.189 metros cadrados que serán postos ao dispor do Concello, do mesmo xeito que unha das seis parcelas edificables, cun tamaño de 1.894 metros cadrados.
As outras cinco parcelas edificables, que suman unha superficie aproveitable de 18.943 metros cadrados, son as que aproveitará a promotora para construír vivendas. Poderán chegar ata un máximo de entre 180 e 190 vivendas, subliñou a portavoz do goberno municipal.
Neste proxecto de urbanización -do que quedan excluídas as parcelas edificables que serán desenvoltas posteriormente-, a SAREB prevé investir algo máis de 1,1 millóns de euros.
Anabel Gulías, en nome do executivo local, mostrou a súa satisfacción por esta iniciativa, xa que supón poñer ao dispor da cidadanía máis espazo público e, ao mesmo tempo, a dinamización económica do sector da construción e o mercado inmobiliario.